Unha das obras cinematográficas con máis posibilidades de ser recoñecida este ano nos Premios Goya vén da man dunha directora da nosa terra: Paula Iglesias, nada en Porto do Son no 1986. Paula é a co-directora de Sólo son peces, un documental que nos achega ás vidas de tres mulleres, Teslem, Dehba e Jadija, que traballan nunha piscifactoría nos campamentos de poboación refuxiada saharauí, en pleno deserto de Alxeria, lonxe da súa terra de orixe por mor dun conflito con Marrocos que, literalmente, rouboulles o seu país e posibilidade de regresar.
O documental, que se titula Sólo son peces polo seu contacto cos seres acuáticos (un recordatorio constante da súa estreita relación interrompida co mar que baña o antigo Sáhara Español), está entre as contribucións nomeadas este ano aos Premios Goya. O vindeiro luns saberase finalmente se Sólo son peces, dirixido xunto con Ana Serna (Bilbao 1988) a través da produtora compartida Al Borde Films, acada un oco entre as obras finalistas do xénero documental.
O achegamento á vida das mulleres saharauís de Tinduf proposto pola sonense Paula Iglesias e Ana Serna pode verse estes días na Rede, na páxina web do documental.
Argumento
A poboación saharauí refuxiada nos campamentos situados en Tinduf (Alxeria) fai fronte desde hai 45 anos a duras condicións de vida en pleno deserto, agravadas pola escaseza de recursos e a dependencia da axuda internacional. Con todo, o pobo saharauí provén dun territorio rico en recursos naturais, reservas de auga e unha costa cun importante caladoiro. A pesar de verse privada do seu mar, demostraron a súa capacidade de superación e resistencia coa posta en marcha dunha piscifactoría en plena hamada (deserto). Unha zona que pode alcanzar os 50 graos centígrados no verán e onde as tormentas de area destrúen o invernadoiro que protexe aos peixes do frío da noite.
Teslem (32) , Dahba (33) e Jadija (30) son tres mulleres nadas nos campamentos de refuxiados saharauís ao sur de Alxeria. Saíron a estudar ao norte do país e regresaron aos campamentos. Agora traballan na piscifactoría. Ansían volver a unha terra onde nunca estiveron, con mar, como os peixes.