A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, presentou este venres 22 o proxecto Un parque para todos, unha iniciativa de integración social e laboral dirixida a persoas con diversidade funcional e que, ao mesmo tempo que favorece a inclusión, diríxese a mobilizar e divulgar novos recursos para o coidado do noso importante patrimonio medioambiental. A través deste programa, medio centenar de voluntarias protexerán e conservarán os valores naturais das illas do Parque Nacional de Galicia, incluída unha illa que nos colle de preto no Barbanza: Sálvora. Na iniciativa implícase de cheo unha asociación da nosa comarca: Amicos, con sedes en Comoxo (Boiro) e Oleiros (Ribeira).
En concreto, levarán a cabo rozas e limpeza de camiños, retirada de residuos nas praias, restauración de elementos patrimoniais e a instalación de hoteis para insectos, así como traballos de auxiliar de guía ambiental
O programa estará coordinado polo Parque Nacional e conta coa implicación e colaboración de dúas entidades, como Asociación Bata (Centro Especial de Emprego) e, como dixemos, a Asociación de familias para a integración de persoas con discapacidade intelectual, autismo, dano-cerebral (Amicos), cos que se impulsará un curso formativo de para que os usuarios poidan realizar traballos de auxiliar de guías ambiental do parque, “co fin de informar aos visitantes que se acheguen a este espazo protexido”.
Asemade, tamén procederán a erradicación de especies invasoras para a recuperación e conservación de habitas, control da biomasa, traballos de roza e limpeza de camiños, zonas de paso, e mesmo na propia aldea de Sálvora; retirada de lixo nas praias para evitar que danen os ecosistemas e acaben no mar, a instalación de hoteis para insectos e tamén labores de restauración de elementos patrimoniais, como por exemplo, os hórreos da Illa de Sálvora e da aldea.
A conselleira aclarou que a intención non é por en marcha “unha cuadrilla de traballo”, senón que se vai formar “un equipo concienciado e comprometido”, cuxas e cuxos integrantes demostraron “unha gran implicación co coidado do medio ambiente”. Nese sentido, recordou que xa se teñen realizado experiencias de colaboración con resultados moi positivos, como actividades no ámbito da xestión de especies alóctonas na Illa de Cortegada, apeando preto de 600 toneladas de eucalipto (para eliminar esta especie progresivamente e facilitar a evolución das masas autóctonas de especies como o loureiro (Laurus nobilis) que forma un bosque único nesta illa); ou os traballos de control e erradicación da Flora Exótica Invasora centrados nas Illas de Sálvora, Cortegada e Ons.