A aula CeMIT de Boiro segue activa en febreiro con tres cursos telemáticos sobre as utilidades do dixital

A aula CeMIT do Concello de Boiro vén con novidades formativas para este arrinque de ano, no que, segundo confirmou o Concello, vaise manter a actividade con tres cursos telemáticos para o mes de febreiro, cursos sobre as diversas utilidades das novas tecnoloxías para o noso día a día persoal, laboral e de interacción coas administracións. Impartiranse en formato online para garantir a seguridade sanitaria das persoas participantes.

O primeiro dos cursos que se vai desenvolver é o de retoque de imaxes coa aplicación libre GIMP, que será os días 2, 3, 4, 8 e 9 de febreiro en horario de 10.00 a 12.00 horas. Os días 8 e 9 de febreiro, en horario de 12.00 a 13.00 horas, vanse levar a cabo unhas xornadas formativas en trámites electrónicos. Os días 22, 23, 24 e 25 de febreiro vaise impartir formación sobre trámites electrónicos e Administración Electrónica en horario de 10.00 a 12.00 horas.

O Concello de Boiro aposta pola formación en competencias dixitais, adaptada ao momento actual no que os trámites telemáticos son cada vez máis habituais. Toda a información e inscricións aos cursos na aula CeMIT de Boiro, a través do teléfono do Centro Social de Boiro, 981 84 26 35, o móbil 629 769 139, ou o enderezo electrónico axentetic@boiro.org.