
Ao abeiro do programa de formación e aceleración de empresas innovadoras Emprende Lab Barbanza, impulsado polo Concello de Boiro e a Deputación da Coruña, celebrouse na tarde deste martes primeiro de decembro unha xornada Demoday para escoller, logo das deliberacións do xurado, os dez proxectos de mercado que pasan á fase de aceleración. Os responsábeis de cada iniciativa empresarial aspirante a participar no centro boirense de coworking tiveron que presentar os detalles e obxectivos das súas propostas. En total, tratábase de 18 proxectos emprendedores da comarca do Barbanza que, dende o mes de setembro, recibiron formación en modelos de negocio, plans de empresa, financiamento, mercadotecnia, vendas, etc.

O programa, segundo informa o Concello, ten como obxectivo “impulsar e fortalecer o ecosistema emprendedor da comarca do Barbanza con novas empresas baseadas no talento, a innovación e o rápido crecemento”.

Na xornada deste martes, á que asistiron o alcalde de Boiro, José Ramón Romero, e o concelleiro de Comercio e Industria, Marcos Fajardo, os participantes presentaron os seus proxectos ante as e os integrantes do xurado, que os vai valorar tendo en conta cadanseus criterios de madurez, o potencial de crecemento, a calidade da exposición e a motivación e o aproveitamento do programa.
Nos vindeiros días comunicarán cales son os 10 proxectos emprendedores que pasan á segunda fase do programa.