O IES da Pobra incorpórase ao Club da Ciencia

09 Decembro 2020

A Consellería de Cultura e Educación vén de incorporar un total de 10 centros educativos ao programa Club de Ciencia, unha iniciativa para facer voar o espírito investigador do alumnado da nosa terra ao tempo que se impulsan as vocacións STEM (Ciencias, Tecnoloxías, Enxeñaría e Matemáticas). En total, este curso tomarán parte nesta iniciativa un total de 117 centros educativos de toda Galicia. Por provincias, serán 55 centros da provincia da Coruña, 13 de Lugo, 12 de Ourense e 37 de Pontevedra.

Os centros de nova incorporación neste curso son o CEIP Mestre Rodríguez Xixirei (Santiago de Compostela), o CEIP Plurilingüe A Laxe (Ferrol), o IES da Pobra do Caramiñal (A Pobra do Caramiñal), o IES Maximino Romero de Lema (Zas), o CEIP de Ardán (Marín), o CEIP da Laxe (Marín), o IES Alexandre Bóveda (Vigo), o CEIP A Lomba (Vilagarcía de Arousa), o CEIP Plurilingüe de Meaño-As Covas (Meaño) e o CEP Carlos Casares (Salvaterra de Miño).

O Club de Ciencia defínese como “un espazo de aprendizaxe non formal baseado nunha metodoloxía de indagación onde os docentes suxiren diferentes accións enfocadas ao alumnado co obxecto de que poidan dar resposta ás súas curiosidades, aos seus intereses e resolver problemas”. Deberá estar formado por un ou máis docentes de calquera especialidade e alumnado de educación primaria, secundaria obrigatoria ou bacharelato. Un dos docentes actuará como persoa coordinadora do club.

As actividades desenvolveranse fóra do horario lectivo do alumnado nos espazos que se consideren ou habiliten do centro docente.

Cada centro seleccionado para desenvolver un Club de Ciencia recibirá unha achega económica, a determinar en función do número de centros que finalmente participen no programa.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión