Nacho Munilla e Pancho Lapeña volven á carga este Nadal cunha nova entrega das súas guías sobre fauna galega, unha máis que relevante contribución ao mundo dos manuais de estudo e consulta que se len coma un libro de contos e que che recordan a gran cantidade de realismo máxico que hai na realidade medio ambiental da nosa terra. Nacho nos textos e Pancho nas ilustracións seguiron a fórmula do éxito da súa guía dos paxariños do ano pasado, aplicando semellantes metodoloxías e principios á nova contribución: unha guía sobre os peixiños da nosa costa. O resultado da súa experiencia de mergullo e interpretación é un libro que arrecende a mar: a Guía definitiva dos peixes da Galiza.
–Nacho hai un ano por estas mesmas datas falamos dunha publicación túa e do ilustrador Pancho Lapeña na que nos convidabades a deixar de lado, por uns intres, as pantallas dos nosos móbiles para centrar os nosos sentidos na presenza dos milleiros de paxariños que conviven con nós nas aldeas, nas vilas e nas cidades. Foi unha proposta de apuntes de bioloxía máxico-ornitolóxica que nos axudou a ver os paxariños dun xeito máis saudábel e enriquecedor. Falamos da Guía definitiva das aves da Galiza. Cóntanos brevemente como foi acollida esa proposta?
-A acollida foi fantástica e emocionante. Pola cantidade de xente á que chegamos e polos comentarios e opinións que recibimos, moitos deles de agradecemento por ter feito unha guía así. Eses comentarios sentímolos moi sinceros. Dalgún xeito sentimos que a guía lle chegou ao corazón a moita xente. Pouco máis se pode pedir.
-Agora volvedes con forzas renovadas para convidarnos a poñer os ollos no mar, tentando velo como a gran acubillo de seres vivos e incalculábel riqueza biolóxica que é. A Guía definitiva dos peixes de Galiza segue os pasos da dos paxariños, na forma, no contido e tamén na metodoloxía usada por vós para materializala. Así, coma no caso da escolma de aves, puxestes o proxecto dos peixiños en Verkami co obxectivo de obter os apoios precisos para publicala. Como foi a experiencia en Verkami?
-Eu persoalmente recomendo as plataformas de crowdfunding en xeral e Verkami en particular (é a plataforma que coñezo mais a bo seguro hai outras igualmente boas) como ferramenta para quitar adiante calquera proxecto cultural. Dáche a oportunidade de poñer a proba a acollida do teu proxecto sen necesidade de arriscar unha inversión en diñeiro. Arriscas unha inversión en tempo e máis en ilusión, mais non necesariamente en diñeiro. Outro aspecto importante é que esta ferramenta de economía colaborativa permítelle á xente facerse e sentirse mecenas de proxectos marabillosos cunha pequena inversión. O peor é o palabro ese de crowdfunding (crofandin? crufandin?) que non ten xeito ningún, nen sequera en inglés. Antigamente a este tipo de iniciativas chamábanlle “subscrición popular”.
-Cóntanos brevemente que é a Guía definitiva dos peixes de Galiza? Que queriades aportar que aínda non fose aportado antes por biólogos, investigadores e escritores?
-Eu penso que a nosa principal contribución, tanto nos textos como nas ilustracións, é a de intentar unha obra de divulgación total. Total no sentido de que tanto vale para crianzas como para adultos, para xente experta como para xente sen coñecementos sobre o tema, para espíritos sistemáticos como para espíritos románticos. Non son guías convencionais. Empregamos ingredientes da bioloxía, científicos, literarios nunha mestura nova. Esta en concreto é unha guía por que describe e axuda a identificar aos peixes máis comúns nas nosas augas. Mais a súa dimensión literaria é importante. Dá para ler. Das 51 especies da guía penso que a metade polo menos nunca tiñan protagonizado contos. Nos tamén queremos reparar esa inxustiza, queremos que todas as especies teñan o seu conto.
-Vendo por enriba o proxecto parécenos que tamén buscades poñer un pouco de orde no coñecemento que temos dos peixes e, tamén, no coñecemento que temos dos seus nomes, un territorio complexo onde podemos perder pé por mor da riqueza lexicográfica que poñen en xogo os moitos apelativos diferentes que pode ter unha especie dependendo de en que porto se nomee, cousa que se complica máis pola influencia do castelán, que, malia ser unha lingua que sobre o papel non debera ser tan rica coma a nosa en materia de xeitos de designar aos peixes, non deixa de impoñer as súas palabras coa colaboración máis ou menos directa dos grandes supermercados, onde é raro ver os nomes galegos dos nosos peixiños…
–Buscamos poñer orde no galimatías dos nomes dos peixes mais non o conseguimos. O que nos interesou foi a procura mesma dos nomes dos peixes. De feito, esta guía dá a coñecer os resultados dun traballo de campo realizado pola filóloga María do Carme Ríos Panisse nos primeiros anos da década de 1970. Esta muller percorreu 49 portos galegos, de Figueiras a A Guarda, preguntando polos nomes dos peixes e recolleu centos de nomes. Para as 51 especies da guía ela recolleu máis de 500 nomes que son os que aparecen referenciados no índice de especies da nosa guía. Puxémonos en contacto con ela e encantoulle a idea de recuperar o seu traballo. Fíxate que xa daquela había nomes como merluza ou salmonete que xa dominaban na fala do mar e xa non digamos nas peixarías. Por certo que a guía nosa tamén é moi útil en peixarías…
-Houbo moito traballo de campo para a realización da guía? Tivestes que visitar lonxas, prazas de abastos e mesmo baixar á praia? Imaxinamos que tamén habería algunha que outra singradura polo mar..
-O traballo de campo consistiu en centos e centos de mergullos a pulmón realizados por Pancho na costa galega. Pancho é un observador de todo tipo de biodiversidade de primeirísimo nivel. A miña aproximación aos peixes veu máis polas aves mariñas, polas gaivotas e polos corvos mariños que como ben sabes son especies comedoras de peixe. A miña aproximación científica aos peixes ven de pescudar na alimentación das aves mariñas.
-Nacho, como che comentamos hai un ano, O Barbanza é un medio comarcal sobre os concellos de Arousa Norte: Ribeira, Pobra, Boiro e Rianxo e a súa contorna. Canto da guía dos peixiños ten a súa orixe no mar dos nosos concellos?
-Pois fíxate que unha boa parte deses mergullos “de campo” tiveron lugar nas augas barbanzáns, e precisamente en Arousa Norte. De feito, algúns dos últimos mergullos que influíron na guía tiveron lugar alí, concretamente no porto de Insuela e na Punta do Castro. Eu animaría ás confrarías a declarar zonas de reserva para observación de peixes. Lugares que as confrarías protexan e coiden para que a xente poida ir alí a observar peixes. Esto se cadra axudaríalles a vender o peixe que eles pesquen noutros lugares e mais podería xerar postos de traballo, por exemplo de guía e/ou conservador subacuático. É unha idea. Se algunha confraría dáse animado aquí estamos…
-O ano pasado contástesnos que os paxariños nos estaban a contar unha serie de cousas que cumpría escoitar. Diciades que con toda seguridade nos estaban a informar de que este modo de vida que levamos como especie vai dar ao traste co mundo. Cambia moito a mensaxe dos peixiños ou é exactamente a mesma que nos din as gaivotas, os corvos mariños, os pardais ou os paporrubios?
-A mensaxe é moi semellante, aínda que os peixes son, ao contrario das aves, xente moi caladiña. Mais a mensaxe que nos transmiten é a mesma: estamos a comprometer seriamente a vida neste planeta tal e como a coñecemos. Imos cara un mundo máis pobre en tódolos sentidos. Iso é o que eles din. Tamén din que a responsabilidade é toda nosa.
-Haberá terceira parte para dar acollida a outros animais da nosa terra? Que estades a argallar para o ano vindeiro?
-Eu diría que si. E se cadra a seguinte non é de animais. Ou se cadra si. Estamos a barallar 3 ou 4 proxectos.
-Sodes conscientes de que con estes libros estades facendo algo que se aproxima moito ao agasallo perfecto para pedilo ao Apalpador ou aos Reis Magos nestas datas festivas que se achegan? Sodes conscientes, tamén, de que son un complemento ideal para calquera biblioteca escolar onde se realicen actividades para afondar no coñecemento do medio natural e dos nosos animais?
–Somos, somos. Cos Reis Magos aínda non falamos mais co Apalpador si. Ben, en realidade non falamos con el directamente, mais unha amiguiña nosa que coñece a unha fada que é amiga dun parente dun trasno que adoita colaborar con el díxonos que O Apalpador gostara moito da guía de aves e que a puxera de agasallo a ben xente. Disque tamén vai poñer moito a de peixes…
-Respecto dos prazos de edición, cando credes que estará o libro dos peixiños na rúa?
–Nestes momentos a pelota está no tellado da imprenta. Contamos con telo listo na penúltima semana de decembro (un pouco xustiño para o Apalpador máis con tempo abondo para os Reis…).