
As Brigadas Deseucaliptizadoras, colectivo activista galego contra a desaparición do bosque propio e de loita contra os lumes forestais, vai organizar este 26 de decembro nova unha xeira de traballo en Froxán, Lousame, un dos puntos principais de operacións das brigadas. A xeira consistirá na última roga do ano na Área Conservada de Froxán, levando a cabo unha nova xornada colectiva de erradicación de especies arbóreas invasoras e tentando “consolidar os traballos realizados en convocatorias anteriores”.
Segundo explican as brigadas, na roga traballarase de xeito coordinado nunha zona ampla gardando as distancias persoais. A xeira comezará ás 10 da mañá e terase como punto de encontro e inicio dos traballos o Chán de Avelán (tamén coñecido como As Minas de San Fins).
Para participar é imprescindíbel, alén de estarmos inscritos como brigadistas, enviar un correo electrónico a info@montescola.org antes do 24 de decembro. As prazas son limitadas.
Moeda social A Sabia para as brigadistas participantes
O colectivo medioambiental Verdegaia colabora na actividade coa moeda social A Sabia na procura de “crear sinerxías entre persoas e redes sociais, comunitarias, solidarias e ambientais fomentando o consumo de proximidade baseado na confianza e o apoio mutuo, e procura favorecer o pequeno comercio e o autoemprego”.
Segundo explican, A Sabia ofrece unha cantidade en moeda social que as e os brigadistas poderán recibir na súa conta cada vez que participen nunha brigada como a desta convocatoria.
Para poder recibir a moeda hai que abrir unha conta na aplicación Cyclos: e enviar un email a compostela@verdegaia.org ou un correo á conta de Cyclos de Verdegaia informando do interese en recibir a moeda.