O próximo día 2 de xaneiro, sábado, cúmprense os 100 anos do afundimento do vapor-correo Santa Isabel nos baixos da Illa de Sálvora. No naufraxio morreron 213 persoas e salvaronse 53. É o naufraxio mais importante en número de vítimas civis do século XX e a prensa da época chamouno “O titanic galego”.
Por tal motivo o Concello de Ribeira empeza a desenvolver diversos actos que se alongarán durante todo o ano 2021.
A xornada principal, día 2, procederase ás 13 horas á inauguración da exposición “Bravura. Cen anos do naufraxio do Santa Isabel” que durante todo o ano estará no Museo Municipal de Ribeira.
Previamente a parroquia celebrará unha misa funeral na Igrexa Parroquial ás 12 .30 de mañá en memoria das 213 persoas que perderan a vida no naufraxio.
Debido á situación de pandemia tanto o acto relixioso como a inauguración da mostra estará limitada en asistencia de público. A mostra abrirase a partir do luns e será de acceso libre.
Os visitantes recibirán un exemplar da edición especial en formato tabloide que como si fora un xornal de principios do século XX, pasa revista a historia do naufraxio, a mostra do que se pode ver na exposición, o papel do segundo heroe do Santa Isabel, Luis Cebreiro, e a reproducción dun artigo de Lustres Rivas e dunha folla do caderno manuscrito “Las mugeres de Sálvora. Tragedia griega” de Valle-Inclán que non chegou a ser realidade.
A milla solidaria Heroínas de Sálvora
Paralelamente a este acto celebraraes a milla solidaria Heroínas de Sálvora que será en formato virtual. A iniciativa que se celebra por segundo ano lembra ás mulleres de Aguiño que o 2 de xaneiro de 1921 fixéronse ao mar para salvar aos sobreviventes de naufraxio do Santa Isabel, unha iniciativa organizada pola concellería de Deportes do Concello de Ribeira .
Este 2021 será diferente, xa que a pandemia obrigou aos promotores a optar por unha versión virtual, polo que cada persoa poderá saír os días 2 e 3 para completar o percorrido que considere máis oportuno. Todo o recadado irá destinado á Fundación Faiben. Os interesados en participar deben apuntarse a través da páxina web www.galitiming.com. O custo de anotación por persoa é de cinco euros.
Xornadas de radioaficionados
Para conmemorar o centenario da traxedia, a Asociación de Radioaficionados de Padrón solicitou para a ocasión unha chamada especial á Oficina de Telecomunicacións da Coruña para operar en bandas amateur “e dar a coñecer entre o noso colectivo a coraxe e a lealdade que honran a quen arriscou a súa propia vida durante o rescate esa noite fronte ao faro”, en alusión ás heroínas de Sálvora.
Dedicarán tres días a lembrar a devandita traxedia, tentando chegar aos recunchos máis recónditos do mundo “para que non se esqueza o recordo do Santa Isabel, ás súas náufragos e aos seus salvadores”.
Obterán un diploma de categoría única (gratuíto e accesible desde a web do colectivo), aquelas estacións que demostren completar tres contactos válidos.
Para a realización dos comunicados utilizaranse exclusivamente sistemas de antena a antena, efectuados en calquera banda de afeccionado para aqueles en posesión de licenza en vigor. Todas as estacións intercambiarán os seus indicativos completos, seguidos do reporte de sinal real (sempre que sexa posible).
A comunicación deberá realizarse mediante o uso dos medios exclusivos de radio. Non se permiten contactos en banda cruzada, nin en repetidores, nin en portas de ligazón, nin por satélite. Os socios do devandito colectivo teñen unha relación “sentimental” con Sálvora, que visitaron varias veces con motivo do concurso internacional IOTA ( Islands On The Air) e na que celebraron concursos.