Ribeira dedicará 100.000 € a dinamizar o comercio local cunha campaña de descontos polo 25% das compras

LOCAIS HOSTALEIROS E ALOXAMENTOS TURÍSTICOS CON
DIMINUCIÓNS SIGNIFICATIVAS NA SÚA ACTIVIDADE ESTARÁN
EXENTOS DO CANON DA AUGA

Praza do Concello de Ribeira

Un dos puntos que se debaterán no pleno ordinario do vindeiro luns será unha modificación orzamentaria orientada a dedicar 100.000 euros a seguir
dinamizando o comercio local a través dunha nova campaña de
descontos na que os consumidores terán a oportunidade de aforrar
un 25% do importe da súas compras que serán sufragadas polo
Concello.
De prosperar esta modificación no orzamento ofreceranse todos os
detalles desta iniciativa desenvolvida coa colaboración da Asociación
de Empresarios de Ribeira que se pretende poñer en marcha despois
de Nadal e que por de pronto permitiría unha entrada de 400.000
euros nas caixas rexistradoras dos comercios adheridos.
Por outra parte, cómpre subliñar que onte finalizou o prazo de
presentación de solicitudes para o Plan de Axudas para a
Reactivación Económica e Social de Ribeira (PEL Reactiva), sendo
378 o número de instancias para un paquete de subvencións
destinado a autónomos e microempresas dotado de 595.528 euros.
Outra importante axuda coa que se verán beneficiadas empresas
hostaleiras e turísticas do municipio (tales como bares, cafeterías,
restaurantes, hoteis ou aloxamentos turísticos) é a exención no canon
da auga nos períodos de facturación comprendidos entre o 5 de
novembro e a data en que se levante a declaración de situación de
emerxencia sanitaria de interese galego, sempre que teñan diminuída
significamente a súa actividade en dito período e que os consumos
sexan inferiores ao 25% no período de facturación inmediatamente
anterior ao devandito 5 de novembro.

Así llo foi comunicado ao Concello por parte da Consellería de
Infraestruturas e Mobilidade da Xunta: unha merma no recibo da auga
para estas empresas á que haberá de engadir —e pensando xa no
global da poboación do concello— a que se derive das previsibles
baixas na licitación da xestión do sistema de saneamento asociado ás
EDAR de Corrubedo e Couso, un punto este último que tamén vai ser
tratado no pleno do vindeiro luns.
Cómpre recordar que dende que se aprobou o Plan Reactiva Ribeira
no pasado mes de maio xa se impulsaron outras múltiples accións
dirixidas ao comercio e a hostalería local, incluíndo subvencións
directas a 138 establecementos con axudas que alcanzaron os 2.500
euros, o lanzamento da plataforma de comercio electrónico Ribeira
Store, os cursos gratuítos online Ribeira Academy (1 e 2) ou o plan
Innova Formación coa que se subvencionou a compra de
ordenadores a 72 familias con fillos en idade escolar en tendas de
informática do municipio.