Ribeira celebrará o Día Contra a Violencia de Xénero cun completo programa de actividades online e presenciais

O Concello de Ribeira está mergullado na programación dos actos conmemorativos do Día Contra a Violencia de Xénero, o 25 de novembro, unha axenda de actos que, como non podía ser doutro xeito, virá marcada polos condicionantes da crise sanitaria. De feito, unha parte do programa terá carácter virtual. Concretamente unha campaña participativa e telemática directamente encamiñada a implicar á cidadanía, a través das redes sociais e outros recunchos en liña, na fronte común local contra a violencia de xénero. O programa tamén inclúe un concurso de poesía urbana dirixida á mocidade e, xa no plano presencial, a colocación dun stand de Agresións Off no aparcadoiro de Coroso, un espectáculo contacontos no Auditorio Municipal ou a lectura dun manifesto institucional no propio 25-N.

A concelleira de Igualdade, Ana Ruiz, e a directora do Centro de Información á Muller, Dolores Crujeiras, foron as encargadas de presentar este programa. Este estará formado polas seguintes liñas de acción:

· Campaña contra a violencia de xénero coa implicación da cidadanía.

Baixo o lema RIBEIRA di NON á violencia de xénero implicarase por unha banda a diferentes personalidades e referentes ribeirenses en distintos ámbitos cidadás e, pola outra, a toda a cidadanía que decida sumarse, achegando unha foto súa (individual ou en grupo) mostrando un cartel co citado lema. Darase difusión do resultado tanto en espazos municipais físicos como virtuais (páxina web, redes sociais, pantallas informativas). Para participar cómpre enviar a ribeiradinonvx@ribeira.gal unha foto en branco e negro das autoras-activistas cun cartel nas mans co lema Eu tamén digo non á violencia de xénero. Poderase acceder a este cartel a través da web do Concello onde se colgará en formato PDF, aínda que tamén pode ser elaborado de forma artesanal. Ademais destes cartaces, a campaña apoiarase doutro material de merchandising que incluirá 200 máscaras moradas co lema Ribeira di NON á Violencia de Xénero.

· Concurso de poesía urbana pola igualdade e contra a violencia de xénero.

Nesta edición proponse a participación da mocidade nun concurso de poesía urbana contra a violencia de xénero. Poderán participar todas as persoas de entre 12 e 25 anos do Concello de Ribeira que así o desexen, e cada participante poderá enviar un máximo de tres poemas. Os poemas deberán ser remitidos xunto coa ficha de inscrición ao Rexistro Xeral do Concello de Ribeira (Praza do Concello, 15960 Ribeira – A Coruña) dentro dun sobre pechado, no que figurará: “I Concurso de Poesía Urbana pola Igualdade e contra a violencia de xénero Concello de Ribeira”. Tamén poderán enviarse por correo electrónico a ribeiradinonvx@ribeira.gal, nun arquivo o poema e noutro a ficha de inscrición, indicando no asunto I Concurso de Poesía Urbana pola Igualdade e contra a violencia de xénero Concello de Ribeira.

A temática das contribucións presentadas xirará arredor das seguintes cuestións: igualdade de xénero, desigualdades e discriminacións de xénero, e violencia de xénero nas súas diferentes vertentes e as súas consecuencias.

Os traballos presentaranse en galego ou castelán e terán unha extensión máxima dun folio, escrito por unha soa cara a dobre espazo, preferiblemente en letra Arial,tamaño 12 e formato DIN A4. O prazo para a presentación dos poemas rematará o venres 20 de novembro.

As bases do certame xa poden consultarse na web do Concello de Ribeira.

Dos oito poemas preseleccionados, un xurado, composto por representantes políticos, persoal técnico municipal e persoas expertas na materia, presidido pola Concelleira de Igualdade, ou persoa en quen delegue, valorará entre 1 e 10 puntos cad aun dos poemas atendendo aos criterios de valoración recollidos no punto 6. Entre os mellor puntuados decidirá cales son os dous gañadores.

O fallo do xurado farase público no acto do entrega de premios, o día 26 de novembro (sempre que a situación sanitaria o permita), e posteriormente na web do Concello de Ribeira.

Os premios outorgaranse en especie e consistirán nun diploma acreditativo e os seguintes premios:

• 1º premio: un ebook (libro electrónico)

• 2º premio: un altofalante Bluetooth

· Actividades conmemorativas do 25-N

17 de novembro. Colocación dun stand da campaña Agresións Off no aparcamento da praia de Coroso, dirixido ao alumnado de Bacharelato e Ciclos Formativos dos centro educativos: IES Nº1 e CIFP Coroso.

-19 de novembro. Espectáculo Arrieiras no Auditorio Municipal aberto ao público.

-25 de novembro. Acto institucional na Praza do Concello de acordo co seguinte horario:

10:00 a 13:00 horas: Actividade Fagámolas Visíbeis.

13:00 horas. Acto institucional:

Lectura dun manifesto institucional polo Alcalde de Ribeira

Garda dun minuto de silencio polas mulleres vítimas de violencia de xénero durante o ano 2020.

-26 de novembro. No Auditorio Municipal, entrega de premios do concurso de poesía urbana nun miniPoetrySlam e co recital de Lúa Mosquetera.

.