
Os usuarios do obradoiro de carpintaría da UAD (Unidade de Asistencia a Drogodependencias) de Ribeira están a poñer a punto o barco pesqueiro situado na rotonda de Xarás, a que recibe aos viaxeiros logo do remate da Autovía do Barbanza. Fano cun pintado integral de todos os elementos que integran a embarcación, achegándolle as cores da bandeira institucional do Concello: branco e azul.

Neste senso, os usuarios (oito en total, repartidos en grupos de catro, xunto co seu profesor Manuel Casais en cumprimento dos dispositivos antiCOVID) están a plasmar sobre o casco do buque as ondas mariñas que forman parte da insignia municipal. A embarcación tamén levará tanto o escudo como o logotipo turístico de Ribeira implantado a pasada primavera.
Os traballos comezaron fai quince días coa finalidade de aplicar á estrutura unha restauración integral, substituíndo as madeiras deterioradas. Durante o verán pasado os integrantes da UAD realizaron outro labor comunitario na illa de Sálvora a través da construción e colocación de 30 carteis informativos en madeira ademais de substituír a escaleira da praia do Almacén.