Os clubs e deportistas de Barbanza, un exemplo de supervivencia ante a crise da COVID

20 Novembro 2020

A pandemia da COVID–19 provocou, en moitos casos, o peche de establecementos deportivos. A clientela dos ximnasios diminuíu de maneira exponencial polo temor a estar nun lugar pechado. Os deportistas intentan fuxir das aglomeracións e executar máis plans en familia e en contacto coa natureza.

Por exemplo, na natación durante o confinamento, houbo persoas que se federaron para poder nadar sen restricións, mais coa segundo ola comezáronse a renovar licenzas e a baixar o número de socios. Juan Carlos Brión, director técnico de Natación e Triatlón de Boiro, comenta a súa propia experiencia: “No que respecta á natación e triathlón, a pandemia afectounos, como ó resto de deportes non profesionais. Sen embargo, máis no tema da natación, xa que a pesar dos protocolos presentados polo federación correspondente, as piscinas existentes non reúnen un aforo que asegure a distancia interpersoal. É por iso que as competicións foron suspendidas ata a data”.

O director técnico sinala que o Triatlón tivo máis sorte porque “é un deporte ao aire libre”.

Así, o mar consegue novos seguidores. O director deportivo do Club de Remo Cabo da Cruz, Gustavo Vázquez declara que “o número de remeiros mantense en comparación co ano pasado, aínda que se pode ver unha breve subida. Houbo baixas pero tamén moitas incorporacións, sobre todo de rapaces pequenos de entre 8, 9 e 10 anos, que na súa maioría veñen rebotados polo fútbol. Os pais pensan no remo como un deporte ao aire libre que ten pouco contacto, e así é. Penso que é un deporte moi axeitado nesta tempada de pandemia”

A parada no baloncesto e no fútbol influíu en deportes coma o tenis. Blas Ramón Sobrido Lago, adestrador do Club de Tenis Boiromar e Punta Salera, informa de que “a demanda segue alta”. En concreto, no club, o estancamento doutros deportes fixo que houbera transferencia de xogadores cara o tenis. A sociedade está vendo este deporte como unha opción segura.

En canto á pesca recreativa, pasa por un momento crucial, a pesar de que nos últimos anos as restricións das diferentes administracións, cada vez limitan máis esta práctica, que habitualmente herdase de pais a fillos. O director do Club de Pesca do Barbanza, Gerardo Orol, confirma o anterior: “O entorno onde practicamos o noso deporte (a natureza, a tranquilidade) da man dos beneficios de non levar unha vida sedentaria, é moi importante. Nestes tempos de pandemia, a pesca, está sendo reforzada. Como é unha actividade ao aire libre, para o seu desenvolvemento é necesaria unha certa distancia entre pescadores, o que fai que o risco de contaxio se minimice. Moita xente que nunca pescara, animouse este ano a probar e a maioría enganchouse”.

Sen embargo, Orol explica que “a nivel competición, é distinto”. Teñen un protocolo que respectar, pero este ano poucas competicións houbo. A saúde é o primeiro e conténtanse con adestrar de cara a próxima tempada, que non teñen claro cando será.

Doutra banda, a pandemia deixou moitas persoas deprimidas, preocupadas e con baixo ánimo. Á práctica de exercicio de maneira regular provoca a liberación de endorfinas a nivel cerebral e isto produce éxtases e lixeireza. En definitiva, una sensación de benestar. Por iso, “é primordial respectar o coronavirus, pero sen deixar de facer deporte”. Esta mensaxe lánzana moitos médicos e especialistas. Por exemplo, Sandra Varela Álvarez, licenciada en Bioloxía e técnica superior de Dietética e Nutrición no Centro Dietético Boiro, quen considera “ unha necesidade facer exercicio físico, debido ao beneficio que aporta o mesmo para o sistema cardiovascular, endócrino e muscular, ademais do sistema nervioso”.

O seu consello é “facer deporte ante todo, preferiblemente ao aire libre e en solitario, coa persoa que convives. Evitar riscos, gardando sempre a distancia de seguridade. Se isto non é posible, facer exercicio na casa, con aparatos fitness como cintas de andar ou correr, elípticas, bicicletas estáticas ou a través de vídeos de Internet”.

Do mesmo xeito, os clubs tamén animan á poboación a seguir facendo deporte. Segundo moitas asociacións, “o deporte é unha das actividades máis seguras que se poden encontrar, posto que ademais de respectar os protocolos existentes, inculcan aos máis pequenos”. Os estudos demostran que a parte dos beneficios que traen estas actividades físicas, os porcentaxes de contaxios son baixos ata o momento. Facer deporte, polo tanto, é algo seguro. A COVID–19 non pode ser una escusa para non realizar este tipo de actividades.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“A vivenda” – José Manuel Pena

“A vivenda” – José Manuel Pena

É un ben de mercado para o negocio particular ou un dereito básico, fundamental e humano, como pode ser a educación, a sanidade, a prestación por desemprego ou a xubilación? A vivenda, en Galicia e no resto de España, continúa sendo un negocio e un ben de...