O plan Boiro Reactiva-T achegará subvencións para pemes, investimento, formación e proxectos para fomentar o emprego

02 Novembro 2020

O Concello de Boiro puxo en marcha unha iniciativa directamente encamiñada a impulsar a recuperación produtiva trala grave crise derivada da pandemia de COVID-19. Estamos a falar do plan Boiro Reactiva-T, que inclúe subvencións directas para as pequenas e medianas empresas (convocadas mediante o plan PEL-Reactiva de Deputación da Coruña), investimento público e proxectos para fomentar o emprego no municipio. Boiro Reactiva-T tamén se achega como un plan municipal de apoio e asesoramento.

Co fin de aproximar distancias coa veciñanza, vaise poñer en marcha unha oficina municipal de reactivación económica e social, para “ofrecer á cidadanía información e axuda específica”, explicou o Concello, engadindo que unha parte fundamental da reactivación económica e social “é a formación para o emprego”.

Boiro Reactiva-T, nunha vertente máis específica, mobilizará investimentos directos en obra pública (reactivando licitacións) logo da parálise ocasionada polo Estado de Alarma, complementando este vieiro con investimentos na mellora das instalacións municipais.

Asemade, dende a Concellería de Comercio, levaranse a cabo medidas económicas e fiscais como a condenación de impostos derivados da ocupación de vía pública e a modificación da ordenanza de terrazas para facela máis flexíbel e adaptala ás necesidades do sector. Isto estase a complementar coa humanización das rúas e o fomento das actividades culturais para favorecer o comercio e o consumo local.

Mediante o PEL Reactiva da Deputación Provincial da Coruña, vanse destinar máis de 334.000 euros en axudas directas a persoas traballadoras, con ou sen traballadores/as ao seu cargo, e microempresas para axudar nos gastos de compra de material, arrendamento, gastos de reparación ou conservación, primas de seguros, subministros…

Boiro Reactiva-T achegará tamén un impulso laboral e de emprendemento. Con este fin, o Concello está a acondicionar mais servizos a disposición da cidadanía para o emprego e a creación de empresas. Un exemplo disto é a recente creación dun espazo de coworking no Centro de Formación e Viveiro de Empresas de Espiñeira. O Concello de Boiro está a desenvolver un programa de cursos AFD (Acción Formativa para Desempregados) e tamén un Plan Integral de Emprego Boiro Emprega que busca a inserción laboral.

Outros artigos

Boiro presume de tecido cultural e asociativo

O Concello de Boiro organizou este venres o I Encontro do Tecido Cultural Boirense, unha xuntanza destinada a poñer en valor o labor das entidades, asociacións culturais e comisións de festas do municipio, ademais de establecer as bases para unha programación conxunta...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión