
O Concello de Porto do Son confirmou que está a traballar xa para contribuír á recuperación do tecido produtivo local durante a campaña de Nadal, que adoita ser unha das máis importantes do ano, senón a que máis, para os comercios, a hostalería e outros sectores.
O Executivo traballa co empresariado sonense (concretamente a AEP) en iniciativas concretas para dinamizar as vendas localmente, dirixidas a recordar á cidadanía as vantaxes e beneficios de apostar en clave de proximidade. Amais, confirmouse a instalación das luces de Nadal no mes de decembro, poñendo fin, polo menos a nivel municipal, ao debate sobre a conveniencia (ou non) de habilitar este tipo de alumeado nuns tempos tan adversos coma os que estamos a vivir: “Está claro que se a nosa intención é reactivar o comercio, temos que achegar incentivos para conseguilo, por exemplo xerando ilusión e motivando á xente a saír e achegarse aos establecementos”, sinalou o alcalde Luis Oujo en rolda de prensa.
Respecto do programa de actividades de Nadal, incluirá a devandita iluminación, ambientación musical nas rúas, publicidade dos comercios e máis unha caravana de elfos que recollerá as cartas dos Reis Magos dos máis pequenos nas vilas de Porto do Son e Portosín e tamén nas parroquias do termo municipal, cousa que se acompañará coa colocación de caixas de correo específicas en diferentes recunchos que servirán, tamén, para acubillar os desexos de Nadal da rapazada. Porén, o Concello confirmou que a tradicional cabalgata de Reis non se poderá levar a cabo.