
O Bloque Nacionalista Galego de Ribeira baixou este venres ás praias do concello para poñer o foco nunha problemática ambiental que sitúa nunha calexa sen saída a actividade pesqueira, por unha banda, e o futuro do medio mariño e de todas as súas especies, pola outra. Estamos a falar da presenza cada vez maior de residuos plásticos no mar, unha cuestión que compromete tamén a saúde do ser humano. O BNG quere as administracións actúen con máis contundencia para atallar o problema e tamén, para favorecer máis participación dende os colexios, as asociacións e o sector do mar. “O consumo de plásticos dun só uso incrementouse de maneira importante ao longo das últimas décadas”, explica o BNG, engadindo que “Galiza e Ribeira non son alleas a ese aumento que provoca graves ameazas e ten consecuencias negativas nos ecosistemas naturais, na flora e na fauna”.
Segundo o concelleiro Luís Pérez Barral, “o lixo mariño é un dos graves problemas ambientais aos que se enfronta o planeta, as principais causas son: a insustentabilidade dos modelos de consumo e produción da nosa sociedade, as malas estratexias na xestión dos nosos residuos e a falta de sensibilización da poboación”. Pérez Barral botou man dos estudos da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza para destacar que cada ano 10 millóns de toneladas de lixo rematen nos océanos. Moito deste lixo provén da industria do mar (pesca, extraccións…), pero unha grande parte chega a través dos ríos ou praias, conclúe o informe.
Pérez Barral engadiu que os residuos mariños, especialmente os compostos plásticos, teñen graves consecuencias ao causar a morte de aves mariñas, mamíferos e todo tipo de animais ao se enredaren ou ao inxeriren de lixo mariño. “En non poucas ocasións ese lixo que consomen os animais tamén pode afectar directamente á saúde humana, xa que moitos destes produtos conteñen substancias tóxicas e persistentes que entran na cadea alimentaria”, explicou.
Pérez Barral lamentou a falta de medidas postas en marcha polo Concello de Ribeira para reducir, reutilizar e reciclar os plásticos e criticou a política de SOGAMA na que a maior parte do lixo acaba queimado ou nun vertedoiro. Desde o BNG cren que é unha evidencia que o plástico é un problema social e ambiental e non hai máis que ollar os areais de Coros, O Vilar, A Ladeira, O Castro-Catía, etc, ríos como o de Artes ou montes como o de San Roque ou Santo Alberte para comprobar que este tipo de residuos está practicamente omnipresente. Desde o BNG consideran “necesario actuar desde todos os ámbitos, tamén desde o ámbito local mediante a limpeza exhaustiva dos nosos espazos naturais, a través de accións simbólicas e coa posta en marcha de campañas e programas educativas e de sensibilización”.
É por todo iso polo que, desde o BNG, propoñen que o Concello de Ribeira poña en marcha medidas como:
· Realizar, de maneira periódica, limpezas exhaustivas dos espazos naturais como son as praias, cursos fluviais e zonas verdes de titularidade pública. Estas limpezas realizaranse cos medios axeitados que eviten o deterioro e eviten danos no lugar.
· Instalación de recipientes específicos para a recollida e separación de plásticos nos areais do municipio.
· O Concello de Ribeira programará accións anuais, en colaboración cos centros escolares, co tecido asociativo do municipio e co sector pesqueiro, consistentes na sensibilización e concienciación da necesidade de reducir, reutilizar e reciclar os plásticos.