
A portavoz de Cultura do BNG, Mercedes Queixas, fixo este venres 13 de novembro un chamamento a apoiar á celebración do Día das librarías mercando un libro en galego no comercio local. A parlamentaria lembrou que no actual contexto de pandemia “é máis necesario que nunca apoiar ao sector libreiro”. Co fin de pechar fileiras arredor do noso libro, BNG iniciou nas redes unha campaña para mostrar a aposta polo produto galego, o comercio de proximidade e a actividade que dinamiza e crea emprego nas vilas e cidades galegas.
Fíxoo a través de dous cancelos concretos a visualizar e compartir nas redes sociais, #DíadasLibrarías #EuMercoLocal. Trátase de subirmos unha foto nunha libraría e cun libro na man como ao longo do día xa fixeron a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, os deputados e deputadas do grupo parlamentario nacionalista e destacados cargos políticos nas diferente administracións galegas.