Na Pobra iniciada a segunda edición do ciclo Victoriano García Martí

A Pobra viviu no día de hoxe unha xornada cultural co inicio do 2.° Ciclo Victoriano García Martí, focalizado na divulgación e contribución á posta en valor da figura e obra deste escritor pobrense, fillo predilecto da localidade, ao tempo que se pretende recupera-la súa memoria.
Nesta tarde tivo lugar a inauguración da instalación conmemorativa na fachada da antiga casa do escritor situada nos Areos, en colaboración coa Gadisa, a cal está composta por imaxes do intelectual acompañadas de citas de Valle-Inclán, Unamuno e Blanco Amor que aluden a el. Deseguido, realizouse a ofrenda floral ante o seu busto na praza García Martí e efectuouse a lectura pública de escritos seus relacionados coa vila. Algúns dos artigos lidos foron La ría de Arosa, Noble y fecunda rivalidad e Del mar gallego, publicados en xornais da época.

A concelleira da Cultura, Patricia Lojo, abriu o acto destacando as actividades ofertadas para renderlle homenaxe a un autor que, segundo expuxo, xa trataba no seu tempo temas que a día de hoxe volven estar de actualidade. Outra das persoas que tomou a palabra foi o director do Museo Valle-Inclán, Antonio González, quen fixo fincapé na relevancia de Victoriano García Martí e engadiu que a institución museística conta cun fondo entre os cales se atopa a fototeca, obxectos persoais e o epistolario do intelectual. E o alcalde Xosé Lois Piñeiro indicou que é un persoeiro que “nos representa dunha maneira especial”, ademais de manifestar que “Valle-Inclán é o noso buque insignia, pero esa armada está formada tamén por outros como Victoriano.”
A ruada festiva correu a cargo de Arrancadeira, levando o baile e música
tradicional por distintos espazos. Entre os asistentes figuraban membros da corporación municipal, veciñanza e representantes de entidades e do tecido asociativo cultural.
Organizada pola Concellaría da Cultura e o Museo Valle-Inclán, coa
colaboración da Deputación da Coruña e a Universidade de Santiago de
Compostela (USC), a programación clausurarase no 27 de novembro coa
conferencia Ideología y activismo en Victoriano García Martí. Una voz quebrada, da man de Arantxa Fuentes Ríos, profesora da Universidade de Santiago de Compostela, e coa presentación da edición facsimilar Don Severo Carballo. Del alma gallega (1917). Ámbolos actos serán no Elma, ás 20.00 horas.

As actividades transcorrerán seguindo as medidas implantadas por mor da
COVID-19, polo que as persoas interesadas en asistir deberán formaliza-la súa reserva a través do enderezo electrónico  museo.valleinclan@apobra.gal ou do teléfono de contacto 981831662, de martes a sábado, en horario de 10.00 a 15.00 horas.