Lousame mellora as estradas e camiños en Ces, Cruído e no monte da Revolta do Lobo

19 Novembro 2020

Dende o Concello de Lousame veñen de informar do investimento de 50.496,31 euros de fondos propios na realización de tres proxectos de mellora en Ces, Cruído e Escabia. O Goberno local engade que a obra máis salientábel foi a da curva no monte Revolta do Lobo, na Escabia, na que se investiron 30.464,92 euros. Respecto destes traballos en concreto, a alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, explica que “era unha actuación moi necesaria xa que se trataba dunha curva bastante perigosa para os peóns e que conseguimos eliminar con esta ampliación”.

Cómpre sinalar que as ditas obras incluíron a mellora do pavimento da curva nun treito de 60 metros no que se ampliou o ancho en dous metros cun triplo tratamento asfáltico. Asemade, construíuse un muro de bloques de granito, de 20 metros de lonxitude e 4 metros de alto, para contención de terras así como unha cuneta revestida de formigón ao longo deses 60 metros de traxecto, cunha arqueta e entubado para a recollida de augas pluviais.

En canto á aldea de Ces, o Concello de Lousame achegou 13.699,61 euros á reparación de dous treitos dun camiño interior: o primeiro de 115 metros de longo por 4,5 metros de ancho e o segundo de 60 metros de lonxitude e 4 metros de ancho. Nos dous proxectos empregáronse cinco centímetros de xabre (zahorra) e quince de formigón, previa nivelación do pavimento existente.

Por último, o Concello de Lousame investiu 6.331,78 euros no afirmado do camiño do Lagar, en Cruído. “Trátase dun camiño que dá acceso ás novas vivendas que se construíron na zona e que tiñan unha parte aínda sen pavimentar”, explica Teresa Villaverde. As obras incluíron o afirmado deses 240 metros de camiño, de 4,5 metros de ancho, con vinte centímetros de xabre (zahorra) e posterior selado con cinco milímetros de area. Alén disto, limpáronse as gabias e salvagabias para unha axeitada drenaxe da chuvia.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“A vivenda” – José Manuel Pena

“A vivenda” – José Manuel Pena

É un ben de mercado para o negocio particular ou un dereito básico, fundamental e humano, como pode ser a educación, a sanidade, a prestación por desemprego ou a xubilación? A vivenda, en Galicia e no resto de España, continúa sendo un negocio e un ben de...