A Pobra no tempo volve afondar na historia, cultura e patrimonio

11 Novembro 2020

A terceira convocatoria das xornadas A Pobra do Caramiñal no tempo transcorrerá na tarde do sábado 28 e na mañá do domingo 29 para divulgar a historia, cultura e patrimonio do municipio. Ao acto de presentación asistiron o alcalde Xosé Lois Piñeiro; a concelleira da Cultura, Patricia Lojo, e os impulsores deste evento, José Carlos Vidal e Manuel Gago.

O alcalde Xosé Lois Piñeiro; a concelleira da Cultura, Patricia Lojo, e os impulsores deste evento, José Carlos Vidal e Manuel Gago.

A edil Patricia Lojo manifestou que se trata dunha actividade xa consolidada no calendario pobrense, pretendendo dende a área da Cultura “dar a coñecer a historia, a cultura e o patrimonio do noso concello para que os asistentes, veciñas e veciños poidan coñecer un pouco o pasado e así axudarlles a comprender o noso presente no contexto destas xornadas.” Para tal fin, segundo apuntou, contarase con relatores de relevancia que afondarán en diversas épocas e aspectos -tales coma a antropoloxía, costumes, folclore…-. Ademais, indicou que a parte teórica se complementará coa práctica a través dun roteiro por distintos espazos.
Pola súa parte, Manuel Gago expuxo que estas xornadas xorden pensadas para a veciñanza pois “nós notamos nas primeiras edicións que a historia e a cultura local interesan. Hai fame e demanda deste tipo de información e coñecementos.”
Deste xeito, fixo fincapé en que se trata dun evento participativo, creando así “unha conversa ao redor da propia identidade da Pobra do Caramiñal.” Búscase así tamén facer que o legado se coñeza e persista no futuro.
Na súa intervención, José Carlos Vidal explicou que a saída está relacionada
con contidos tratados nalgunha das charlas como sucede, por exemplo, coa
igrexa de Santa Cruz de Lesón -da cal, segundo precisou, se celebra o
centenario das novas obras do templo- ou coa barca de San Amaro, tamén
coñecida como barca de San Xoán, unha peza “moi pouco estudada,
practicamente inédita, pero eu diría que única no panorama arqueolóxico
galego.”
E o rexedor Xosé Lois Piñeiro expresou o seu agradecemento ás persoas que
fan posible o desenvolvemento deste evento e engadiu que outro dos obxectivos é “aprender a querer o noso patrimonio e a demandar a súa conservación.”
O sábado 28 estará dedicado ás conferencias, con catro en total. A tarde
arrancará coa inauguración desta convocatoria para dar paso ao primeiro dos coloquios da man de Manuel Gago, xornalista e profesor na Universidade de Santiago de Compostela (USC), con Mitos e lendas da Pobra do Caramiñal.
Deseguido, será a quenda de A igrexa de Santa Cruz de Lesón: 15 séculos de
historia a cargo de Antonio González, director do Museo Valle-Inclán.
Posteriormente, e tras un descanso, o historiador Anselmo López impartirá
Conflitos de poder na Baixa Idade Media no Caramiñal; mentres que Rafael
García, profesor na Universidade de Santiago de Compostela (USC), ofrecerá
Xullo de 1936 na Pobra do Caramiñal.
Os relatorios comezarán ás 16.30 horas no Elma, concluíndo ás 19.50 horas.
Será nesta ocasión cando se repartan como agasallo entre as persoas
asistentes o póster As lendas do río das Pedras, do ilustrador Miguel Robledo.
Ademais, inclúese visita no domingo 29, a partir das 10.00 horas, á igrexa de
Santa Cruz de Lesón, ao cruceiro de San Amaro, a Aldea Vella, ao mosteiro de San Xoán da Misarela e á barca de San Amaro. Os guías serán Manuel Gago, no relacionado coas lendas e mitos, e Antonio González, no que respecta á igrexa. A duración será de ao redor de 2 horas.
As actividades transcorrerán seguindo as medidas implantadas por mor da
COVID-19, polo que as persoas interesadas en asistir deberán formaliza-la súa reserva a través do enderezo electrónico
bibliotecadapobradocaraminal@gmail.com ou do teléfono de contacto
981831633.
Cómpre sinalar que as charlas do sábado 28 serán retransmitidas pola canle do Youtube do Concello da Pobra do Caramiñal e o vídeo quedará gardado para quen desexe visionalo posteriormente.

Outros artigos

Incendio nun colector do lixo no concello da Pobra do Caramiñal

Arredor das 6:00 da mañá deste 25 de marzo, o Parque Provincial de Ribeira recibiu aviso dun incendio nun colector do lixo na rúa Castelao, no concello da Pobra do Caramiñal. Ao chegar ao lugar, os bombeiros comprobaron que se trataba dun residuo sólido urbano que...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Armarse para la paz por miedo al invasor Putin”. Manuel Velo

“Armarse para la paz por miedo al invasor Putin”. Manuel Velo

Después de cientos de años no aprendemos nada y seguimos la misma dinámica de guerras, en vez de llegar a acuerdos para construir en vez de destruir. Parece una contradicción que haya que armarse para la paz por miedo al invasor como Putin. Cuanto más poder tienen más...