
Imaxe cedida polo CD Boiro
“A espera é longa, pero a recompensa será maior”. Iso deben de estar a pensar no fútbol modesto da nosa comarca. Dende que se decidiron dar por concluídas as competicións do fútbol afeccionado, os equipos atópanse en stand by, en todos os ámbitos, dende o económico ata o social, pasando polo futbolístico. A Federación Galega de Fútbol non dá novas noticias nin solucións de como encarar un posible reinicio das ligas rexionais. Clubs da Preferente e inferiores atópanse agora nun camiño cun destino e un futuro moi incerto.
Cando se fala de fútbol modesto, estase a falar de algo que transcende máis aló do deporte. A presenza de afeccionados nas gradas é clave, xa non só polos ingresos directos, tamén polo efecto dominó que provocan na cadea económica do club. A posibilidade de que exista un retorno do fútbol afeccionado sen público non é concibido polos equipos da zona, como así o explica Tono Romero, adestrador da UD Queiruga: “O fútbol da zona sen público é inviable, xa que é o que nos mantén con vida. A venta de rifas, entradas e a cantina van da man do seareiro e son fundamentais. Ademais perdería toda a gracia, parecerían partidos amigables. Dito isto, esperamos poder volver con público.”
Por outro lado, o Cidade de Ribeira nacía esta campaña cun novo proxecto que fixo ilusionar aos seareiros, pero que terá que agardar de momento. “É unha mágoa porque este ano presumíase que A Fieiteira ía volver a encherse. A xente de Ribeira estaba con moitas gañas de apoiar o novo proxecto”, laméntase Juan Fungueiriño, presidente do Cidade de Ribeira. Con todo isto, Fungueiriño cre que “a pandemia a nós afectounos menos que ó resto de clubs, debido ó punto de inicio do que partíamos”.
Unha realidade moi parecida están a vivir o CF Noia, Puebla CF e CD Boiro, equipos que militan na Preferente Galicia. A situación na competición rexional variou moito dende a declaración da pandemia. Tralo inicio da Terceira División Galega, a Preferente sería a seguinte en facelo, pero a Federación Galega de Fútbol non decide dar o paso. Varias reunións telemáticas en outubro, nas que se decidiu o inicio de competición para o 29 de novembro, serviron como primeiro paso para o reinicio da competición, pero a evolución da COVID-19 tornou os plans. “A Federación Galega de Fútbol tennos bloqueados. Estamos á espera dun protocolo para poder analizar a situación tanto a nivel económico como sanitario. Non ten sentido que a Terceira División se estea xogando e nós non. Están “ninguneando” a Preferente Galicia”, declara José Luis Botana, presidente do CF Noia.

A cicatriz a nivel económico que deixa a pandemia para o fútbol modesto, obrigou á RFGF a tomar unha serie de medidas para tentar garantir a supervivencia dos clubs. A división da Preferente Norte en tres grupos, para aforrar viaxes, e o posible financiamento do 50% dos tests antíxenos foron as principais novidades para os equipos participantes. No tema dos antíxenos existen diferentes opinións acerca da viabilidade económica para os clubs da zona. Por unha banda, Nelson Barreiro, presidente do Puebla CF, recoñece que “sempre que haxa que pagar algo a maiores ca o que estábamos a pagar ata agora é inviable”. Pola contra, Botana confesa que “é unha situación complicada, pero pódense reducir gastos noutros ámbitos para poder facer fronte ós tests antíxenos. Trátase de querer sacar isto adiante”.
Outra cuestión referente á situación socio-económica dos equipos da zona son os patrocinadores. As axudas aportadas polas empresas locais son de vital importancia para os clubs máis modestos. A situación actual por mor da pandemia, obriga ás entidades deportivas a ser cautos á hora de solicitar ese apoio económico. “Por sorte, o CD Boiro é un club que conta con moitos simpatizantes, e a pesares da pandemia existen establecementos e empresas que queren aportar o seu gran de area. Sen embargo, non podemos concretar a axuda económica mentres non saibamos cando comezaremos a competir, e por suposto, cando remataremos”, comentou Marcos Martínez, presidente do CD Boiro.
Ante a posibilidade dun reinicio do fútbol modesto, os clubs deben valorar se xogar ou non. Por un lado, o presidente do CF Noia cre “que si a RFGF saca un protocolo, os clubs da Preferente Galicia somos capaces de garantir a viabilidade sanitaria e económica. Non existe diferencia entre o que están a facer os xogadores de Terceira División e o que faríamos nós. Son partidario de xogar.” Doutra banda sitúanse o Cidade de Ribeira e a UD Queiruga, que comparten a opinión de que a día de hoxe “non debería xogarse, xa que existe un risco para a saúde, e non se pode antepoñer un hobbie por enriba da sanidade pública”. Dende a directiva do Puebla CF perciben que “actualmente estamos moi lonxe de poder saír a competir. Todo está moi verde e ninguén pode garantir nada”. Por outra parte, Marcos Martínez, do CD Boiro, móstrase cauto e afirma que “teriamos que ter unha garantía sanitaria e capacidade para cubrir os gastos económicos. De non ser así, non se debería iniciar a competición”.
Con todo isto, queda en manifesto que o fútbol modesto no Barbanza non ten un destino claro, mais ben todo o contrario. A posibilidade de volver a ver as rúas alborotadas e as gradas cheas sitúase cada vez máis preto, pero á súa vez máis lonxe, debido á evolución da pandemia. Tantas preguntas sen resposta fan que tamén quede patente que o fútbol afeccionado, a día de hoxe, está na man da Federación Galega de Fútbol.