A obra Bernarda. Vilalba 1975 chega este domingo ao Elma

Un intre da representación no seu pase recente en Porto do Son

A peza teatral Bernarda. Vilalba 1975, da compañía Malasombra, representarase no Elma este domingo ás 19.00 horas. Trátase dunha obra que ten o seu punto de partida en La Casa de Bernarda Alba, escrita por Federico García Lorca, e que narra a vida das dúas fillas xemelgas dunha muller chamada Bernarda, que fica viúva o mesmo día en que morre o ditador Franco. Bernarda, ante este panorama de dupla desgraza, decreta o estado de loito. Así, durante dous anos non poden ver a televisión, nin escoitar a radio, nin ler revistas. Durante todo ese tempo de “semi-confinamento” só poden saír da casa para ir á misa, á tenda ou ó cemiterio. Porén, fóra, a sociedade da transición está cambiando…

Trátase dun espectáculo inspirado na dita obra de Lorca e baseado no texto orixinal de Jose Prieto, que tamén é director da adaptación teatral. O elenco estará integrado por Celia González, Luisa Merelas e Esther Aja.

Organizada pola Concellaría da Cultura da Pobra do Caramiñal en colaboración coa Rede Cultural da Deputación da Coruña, esta actividade transcorrerá seguindo as medidas implantadas por mor da COVID-19, polo cal as persoas interesadas en asistir deberán formaliza-la súa reserva a través do teléfono de contacto 981 831 545 (casa da cultura e xuventude Raquel Fernández Soler).