A nova edición (a novena) da histórica carreira Sin-Son 10K que organiza cada ano o Concello de Porto do Son a través da súa área de Deportes vén, como non podía ser doutro xeito tendo en conta a pandemia e as súa consecuencias, con importantes novidades. Segundo fixeron saber o concelleiro de Deportes, Juan Pouso, e o concelleiro de Dinamización Turística, Manel Deán, malia os inevitábeis condicionantes de base (por exemplo a necesidade de manter a distancia social e a imposibilidade de xuntar 2.000 deportistas sobre o terreo), a carreira segue adiante de maneira virtual e cunha marcada vertente solidaria (o recadado irá dar a asociacións e entidades locais de apoio social).
A cota é de 5 euros e a inscrición pode facerse na web Emesports e a aplicación Rockthesport, que se pode descargar de balde nos móbiles de cada quen. Compartiranse nas redes sociais as fotos das e dos participantes, que se implicarán na proba deportiva a través da devandita ferramenta móbil e mediante cinco modalidades diferentes: a carreira virtual de 10 quilómetros, a carreira virtual de 5 quilómetros, a carreira virtual 3K e a carreira virtual 1k, ao que suma a opción de dorsal 0, que permite facer doazóns sen participar na proba.