“Unha cheminea na Pedra Pateira”. Antón Luaces

17 Outubro 2020

Alédame a nova de que Conservas Cerqueira, malia abandonar Riveira, queda no Barbanza. Váise, sí, a perto de 30 quilómetros de distancia, a terras de Rianxo no polígono industrial de Té, para ocupar aquí aproximadamente o 15% da extensión deste parque empresarial que medra constantemente (para satisfacción de todos). Pero a mi , que queren que lles diga, a nova prodúceme unha certa desazón porque, a carón da conserveira ribeirense botei cos amigos algún partido de fútbol, aprendín a andar en bicicleta, aprendín a nadar “chupando” (é dicir, guindándome ao mar de cabeza, porque en Riveira iso era “chupar”) dende a rambla da fábrica na que atracaban dornas, botes de toda caste e motoras. Aprendín o que era carenar as dornas, tintar os aparellos nos píos do aolmacén dos de Sofía, aprendín a xogar á villa e anotar os lulos, aprendín a rachar -facer rachas- os pións dos outros (do mesmo xeito que o facían cos meus os contrarios sempre amigos. E, todo hai que dicilo, tamén soñei que algún día podería escalar a cheminea da factoría conserveira, posiblemente a máis alta de toda contorna. Un verdadeiro símbolo do poderío conserveiro dunha cidade, Riveira, recén estreada coma tal porque Cerqueira naceu como industria no ano 1942. Pero nunca, nunca, tal cousa pasou aínda que sempre estiven a súa sombra: a casa familiar, a escasos cen metros; o colexio dos irmáns Bernardo e Ramón González Mariño; a tenda da señora Oliva, a panadaría de José Castelao e a súa dona Palmira que vendían pan de molete que os autobuses da empresa “Celta” traían polo mediodía de Santiago, o tenderete -daquela dicían en Riveira que eran os títeres- que durante semanas permanecía en pe coa parede do vello almacén de Sofía coma pano de fondo e os restos da un pouco menos vella fonte seca de Bandaurrío e un escenario no que facía filigranas “la pequeña Pinki” (con vinte ou trinta persoas sentadas nas banquetas que traían das súas casas para seguir as evolucións dos artistas naquela especie de teatro-circo que non cobraba entrada pero sí agradecía un óbolo.. Todo isto con recendos de mar e o tac-tac dos motores HMR das embarcacións que viñan cara a lonxa a vender as súas capturas. E a gran cheminea, mudo testemuño dunha historia hoxendía octoxenaria, que escoitaba os chíos das carrulas e os contos de Juan “O Marqués”, deus entronizado nas festas do antroido inigualable de Riveira, e os avisos de enterro e funeral que Maruja espallaba rúa adiante ata que as campás da igrexa de sempre tocaban a morto coa mestría que lles imprimía Albino, o sancristán de toda a vida abeirando a don Juan (Perreras) e don José (o de Artes) sacerdotes da mesma igrexa en tempoo pouco doados. 

Bandourrío e o Touro. Arquivo joferpa. www.riveira.eu

É ben certo que a fábrica riveirense pasou por moi diversas circunstancias do todo á nada. Pero sempre vin esperanza en aqueles que, dende Vigo (onde a sociedade mantén a súa sede social) tomaban decisións para que a industria seguira en pé, desputando con Briz, Valeiras,  Abadiño, Canucho -todos na mesma cidade- os primeiros postos na aceptación dos seus produtos conserveiros. Váise de Ribeira a Rianxo cuns resultados en 2019 de máis de 5’5 millóns de euros; 149 empregados, algo máis de 45 millóns de euros en vendas e un activo total 35.5 millóns de euros e unha facturación de arredor de 44 millóns de euros (anual de 2,5 millóns).
A Pedra Pateira, con milleiros de historias de mar deixou de existir como praia na que a cheminea de Cerqueira se debuxaba cada día para que na vella taberna das Caseiras se falara do orco e dos Mariños de Sálvora que gardaban a traxedia do Santa Isabel, cuxos restos aínda adornaban nos anos 50 do século pasado algunhas casas viciñas da conserveira. 
Todo conclúe. Cerqueira rexurde, sen embargo, como empresa conserveira, no polígono industrial rianxeiro de Té,  nome de río que leva esperanza de futuro para esta comarca barbanzana á que tanto cantara dende Xuño aquel antigo profesor e excelente escritor e historiador que foi don Carlos García Bayón.
Longa vida. A conservarse.

Outros artigos

Falece unha ribeirense de 50 anos atopada no chan da súa casa

Unha muller de 50 anos, cuxa identidade responde as iniciais T.M.M., faleceu esta noite na súa casa da céntrica Rúa Méndez Núñez, de Ribeira. Segundo informa o Diario de Arousa , foi a súa parella a que ao redor das oito do serán chamou o 112 para comunicar que non...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“A vivenda” – José Manuel Pena

“A vivenda” – José Manuel Pena

É un ben de mercado para o negocio particular ou un dereito básico, fundamental e humano, como pode ser a educación, a sanidade, a prestación por desemprego ou a xubilación? A vivenda, en Galicia e no resto de España, continúa sendo un negocio e un ben de...