“Ribeira, onde fica o tríángulo das Bermudas”. Antón Luaces

10 Outubro 2020

As verdadeiras coordenadas da ubicación do famoso Triángulo das Bermudas, non son as que o sitúan no Atlántico, fronte á costa sureste  dos Estados Unidos de América, onde din que desapareceu un escuadrón de cinco avións da Mariña xunto cun avión de rescate, e máis dun cento doutros avións e un milleiro de persoas prácticamente perdidos no mar ou no aire, supostamente no que poido ser a localización da famosa Atlántida. Non, o verdadeiro Triángulo das Bermudas é un triángulo isósceles conformado en Santa Uxía de Riveira pola antiga rúa General Franco, a praza de Compostela e a praza do cruceiro de Bandaurrío, formando ángulos coa xa desaparecida marmolería Casal (nos baixos da casa dos Duendes, na devandita rúa General Franco), a zapatería do señor Manuel O Raxado (na praza de Compostela) e a carpintaría do señor Ramón O Fandolo (na praza do cruceiro de Bandaurrío, perto da estrada a Martín). 


Eis o verdadeiro (mentireiro) Triángulo das Bermudas no que os rapaces desta parte de Riveira que incluía nos primeiros anos 50 do século pasado os residentes no primeiro tramo da antiga estrada a Bandaurrío, os que vivían na tamén primeira parte da rúa General Franco (que comezaba no vello edificio de Telefónica convertido posteriormente en obradoiro de bordado) e os propios da praza de Compostela, entre os que estaban os fillos de don Pascual, o veterinario, e os que tiñan o seu domicilio nos arredores da citada praza do Cruceiro (que non sei se é a actual de Teruel), domicilio asimesmo do señor Ramón O Fandolo, con carpintaría no baixo do edificio). O señor Manolo, o señor Ramón e o señor Casal eran quen de facer desaparecer a ducias de cativos que xogaban ao fútbol, ao burro, a Tres Marinos a la Mar, á villa, á buxaina ou peón, ao guá… e, obviamente, provocando decote un maremagnum de berros e carreiras que levantaban dor de cabeza a todo quisque. Cando esto acontecía -que, repito, era cada día agás os das festas de agosto e as do cura, estas en setembro- e máis ou menos a partir das sete da tarde, a primeira resposta en plan “avanzadilla”, era a do señor Manolo O Raxado, zapateiro que non comungaba cos berros da chavalería: de tras do mostrador que tiña entrando na zapataría, á esquerda, o señor Manolo, faciana malhumorada e un cabelo abondoso e gris, comezaba tamén a berrar e. como ninguén lle facía caso e todos sabían -sabiamos- o que ía acontecer seguidamente, comezaba o bombardeo da rapazada, á que guindaba todo tipo de zapatos que, posteriormente -e cando a cativería xa marchara cara a rúa General Franco- tiña que apañar, cousa que facía con notable dificultade dada a súa coxeira.

Na primavera e verán, as anduriñas sobrevoaban esta zona de Riveira e facían niños nos currunchos do balcón da señora Julia, a carniceira. Rápidas coma os lóstregos, voaban diante da chavalería sen parar e o problema para os nenos -nenas non era doado velas nestas zarrapalladas- trasladábanse á casa dos Duendes, edificio de pedra en cuxos baixos tiña a súa marmolería o señor Casal, home de baixa estatura, bigotiño moi coidado, tamén malencarado e con tan pouco humor que respostaba ó balbordo infantil guindando dende a porta do seu obradoiro descartes de lápidas, cruces e tallas sobre as cabezas dos rapaces ós que, máis dunha vez, abría un conán de tamaño superior e sangue abundante.
Na percura de lugares con menor risco, os chavales virabamos a estribor e asentabámonos na praza do cruceiro onde o señor Ramón O Fandolo agardaba con toda a súa batería de tacos de madeira sobrantes do seu labor de carpinteiro na esquina mesmo da praza, fronte ó porlán da señora Julia. Chovían os tacos (coido que tiraba varios cada vez que os guindaba) e era cando, conscentes do moito que berraramos, o moito que corriamos, os suores que nos escorrían por todas as partes do corpo que tiñamos que lavar antes de ir á cama e que o señor Ramón -que conservaba un gran pelo branco- xa cansara de tirarnos refugallos dos seus traballos de carpintaría, recolliámonos nas nosas casas (situadas a escasa distancia dos lugares dos feitos) con todas as medallas postas após batallas sen nomes pero que tiñan eses tres referentes: o señor Manolo O Raxado, o señor Casal o marmolista e o señor Ramón O Fandolo, carpinteiro de sona, cada un deles ubicado en cadanseu vértice do triángulo isósceles desa Atlántida irrecoñecible na que compre situar o tan debatido triángulo das Bermudas que, verdadeiramente, ten as súas coordenadas nesta antiga zona da sempiterna cidade de Santa Uxía de Riveira, visitada cada ano por unha manchea de anduriñas e fotografada polas “carrulas”, crías de gaivotas que eran os drons de aquel tempo no que en Riveira había dous cines (o de Moraña e o do Filipino) e Juanita coa súa máquina de asar castañas situada a escasos metros da entrada do de Moraña e a nai de meu amigo Roque coa súa “asadora” diante do edificio dos de Llovo, fronte ó cine do Filipino.

Para que conste: o Triángulo das Bermudas estaba en Ribeira. Nunca se atoparon barcos perdidos, avións desparecidos e homes e mulleres asimesmo perdidos sen saber como. Pero sí algún zapato descoñecido, algún cacho de mármore ou tacos de madeira, moitos destes sobrantes da “repañota” que se facía para levalos á cociña bilbaína da casa.
Que pouco custaba daquela soñar!. E quen nos ía dicir que Riveira era o lugar de ubicación do Triángulo das Bermudas.

Outros artigos

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

​El viaje a España de Robert Prevost, convertido en el Papa León XIV por decisión de un concilio, ha trascendido la mera visita institucional para transformarse en un acontecimiento del espíritu. En Madrid, como lo hará en Barcelona y Canarias, ha emergido con nitidez...

+

ADEGA di que maquinaria pesada arrasou unha zona dunar de Aguiño

ADEGA vén de emitir un comunicado no que a asociación ecoloxista galega pon o foco nunha praia de Aguiño onde, segundo din, vénse de arrasar un hábitat de gran relevancia para cría da píllara das dunas. Sinalan que dende o pasado sábado, 6 de xuño, nas vésperas do...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

Dicir "os españois primeiro" é o equivalente a poñer en determinadas bocas citas indebidas e nas mans desas persoas a chave que só abre portas a moi concretos españois que, dende as opcións de VOX e outros partidos das súas  características, constatan que se...

“Leire”. Xulio Xiz

“Leire”. Xulio Xiz

Hai tempo que quería escribirlle a Leire, e funo deixando pero de hoxe non pasa. Pode parecer que lle escribo á Leire Díez que anda na boca de todos, pero prefiro outra ben mais inocente.Certo que hai tempo busquei no organigrama de Correos quen tiña autoridade no...