Política Lingüística rende homenaxe a Carvalho Calero na presentación dun novo libro no Parlamento galego

01 Outubro 2020

Se ben as celebracións programadas este ano para celebrar a figura de Ricardo Carvalho Calero (homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas 2020), víronse afectadas pola irrupción da pandemia (levándose boa parte delas ao ámbito dixital ou a formatos presenciais miúdos e distanciados), as circunstancias derivadas da crise sanitaria deron como resultado un programa de actividades moito máis espallado no tempo. En consecuencia, pese a que o programa previsto non foi como debera ser, non deixa de ser un privilexio que o capítulo de Carvalho Calero siga aberto. Un exemplo disto foi a presentación este primeiro de outubro dun libro publicado polo Parlamento de Galicia que recolle discursos e leccións do escritor e investigador ferrolán.

Na presentación do libro Ricardo Carvalho Calero, orador. Discursos e elccións, escolmado por Pilar García Negro, participou o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, quen salientou a contribución do escritor á lingua e literatura galegas. Tamén lembrou que tanto o libro como a exposición bibliográfica complementaria desta edición son as dúas homenaxes que a Cámara galega quixo facer ao inmortal autor de Scórpio.

O secretario xeral de Política Lingüística sinalou “o acerto de centrar este libro-homenaxe do Parlamento de Galicia na oratoria, unha faceta tan importante da traxectoria de don Ricardo como pouco estudada ou mencionada cando se trata de lembrar os seus méritos”. Valentín García recordou que a lingua “é, sobre todo, oralidade, como saben ben os parlamentarios que, nesta casa, a empregan a diario como ferramenta de traballo, polo que Carvalho Calero non podía deixar de cultivar e defender o idioma propio de Galicia, non só a través da creación literaria ou dos estudos de lingua e literatura que publicou, senón tamén a través da palabra falada”.

O acto estivo presidido por Miguel Ángel Santalices, presidente do Parlamento de Galicia, e nel interviñeron tamén, xunto co secretario xeral de Política Lingüística, a autora do libro, Pilar García Negro; a filla do homenaxeado, María Victoria Carballo-Calero, e o presidente da Real Academia Galega, Víctor Fernández Freixanes.

Seis décadas de vida e traballo

O libro Ricardo Carvalho Calero, orador. Discursos e leccións contén 16 textos pronunciados entre 1930 e 1988. As disertacións, que permiten seguir a súa traxectoria vital e o seu pensamento ao longo de seis décadas, foron escolmadas pola profesora e parlamentaria Pilar García Negro, discípula do homenaxeado e experta na súa obra, quen se ocupou da edición, a introdución e as notas. A estes textos hai que sumar o prólogo do presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices, e o epílogo de María Victoria Carballo-Calero, filla do autor.

O volume presentado forma parte da homenaxe que o Parlamento de Galicia lle rende a Carvalho Calero e compleméntase cunha mostra bibliográfica que selecciona 50 obras representativas dos principais fitos do autor tanto no eido da creación literaria como no da investigación académica. A exposición poderá verse ata o vindeiro 1 de xaneiro de 2021 no compostelán Pazo do Hórreo, sede do Parlamento.

A Cámara galega é desde 1997 propietaria da biblioteca e do arquivo persoal de Ricardo Carvalho Calero, que pon a disposición da cidadanía, nomeadamente estudosos e persoal investigador, para favorecer o coñecemento e difusión da súa obra.

A web Carvalho2020.gal

A deste 1 de outubro sumouse a outras actividades conmemorativas impulsadas por Política Lingüística, como por exemplo a posta en marcha da web carvalho2020.gal, habilitada en colaboración coa Associaçom Galega da Língua (AGAL). A web achegouse este ano en dúas versións: a adaptada á norma ILG-RAG e tamén á de AGAL (a norma galego-portuguesa da que Carvalho Galego foi un dos principais defensores dentro do noso panorama cultural e intelectual). Outras iniciativas impulsadas foron o proxecto expositivo A voz presente; as unidades didácticas dirixidas ao ensino primario e secundario coordinadas por Teresa Crisanta V. Pilhado e Eduardo Maragoto e diagramadas por Uxio Outeiro; as guías de lectura de Scórpio elaboradas por Susana Sanches Arins e Teresa Crisanta V. Pilhado; e materiais audiovisuais.

Carvalho Calero
Ricardo Carvalho Calero naceu en Ferrol en 1910 e faleceu en 1990 en Santiago de Compostela. A Real Academia Galega salienta da súa figura o seu compromiso galeguista, que o levou mesmo a sufrir cárcere tras a guerra civil; a súa faceta de creador literario nos eidos da poesía, da narrativa e do teatro; o seu labor no campo da historia literaria galega, do que pode considerarse fundador coa monumental Historia da literatura galega contemporánea (1963); o feito de ser o primeiro profesor e catedrático universitario de Lingüística e Literatura Galega e a influencia, nos últimos anos da súa vida, das súas ideas sobre a lingua propia de Galicia.
A traxectoria de Ricardo Carvalho Calero pode rastrexarse nas numerosas institucións e entidades vinculadas á lingua e á cultura galegas das que formou parte ou que recoñeceron o seu labor. Foi membro do Seminario de Estudos Galegos, do Partido Galeguista, da Real Academia Galega e da Academia de Ciências de Lisboa, ademais de membro de honra da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e da Associaçom Galega da Língua (AGAL); dirixiu o colexio Fingoi; participou activamente nas actividades do Grupo Galaxia; foi recoñecido coa Medalla Castelao da Xunta de Galicia (1984) e declarado Fillo Predilecto de Ferrol (1990).

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“A mellor, a da casa”. Luís Celeiro

“A mellor, a da casa”. Luís Celeiro

Todo ao grande, como debe de ser para aparentar fartura. En A Cañiza, neste mesmo ano,Alberto fixo o bocadillo máis grande que se coñece no mundo. Era de xamón, tan grandeque ninguén era quen de comelo enteiro. A barra de pan medía uns vinte metros delonxitude e a...

“Amigos”. Xulio Xiz

“Amigos”. Xulio Xiz

Eu era de facer anotacións de todo tipo, ata que as novas tecnoloxías me mudaron os hábitos. Hai anos utilizaba unha relación de varios folios onde tiña clasificados por orde alfabética amigos e coñecidos con enderezo, teléfonos e correos electrónicos. E, á parte,...