O Concello de Boiro está a realizar obras de mantemento e acondicionamento no Cemiterio Municipal, sendo o obxectivo fundamental das actuacións ter a o camposanto en perfectas condicións para o uso da cidadanía esta fin de semana e, máis polo miúdo, na festividade deste primeiro de novembro.
O alcalde supervisou este martes 27 o avance dos traballos e lembrou que “hai meses que foi recuperada a figura do operario dedicado en exclusiva ao mantemento do cemiterio para o coidado constante do espazo”. O obxectivo, engadiu, é garantir a continuidade do acondicionamento, limpeza e mantemento dos elementos que integran o camposanto.
Facendo balance das actuacións, fixo saber que nas últimas semanas realizouse a reparación da electricidade e puntos de luz que estaban en mal estado ou non funcionaban e, tamén, acondicionáronse os camiños con grava para evitar que, coa choiva, se produzan charcos. Amais, arranxouse o acceso da parte sur do cemiterio, colocando chanzos para evitar o desnivel de terra e realizáronse tamén arranxos na capela, que tiña sinais claros de deterioro e, ademais, presentaba problemas de illamento e de humidades.
Estes arranxos que o Concello de Boiro está a acometer con fondos e persoal propios súmanse ás actuacións de pavimentado da entrada sur do cemiterio municipal, onde se procedeu a acondicionar un espazo de estacionamento e pavimentouse o camiño de terra que une esta entrada con Vista Alegre. O obxectivo desta actuación é “dar un mellor servizo a esta zona da instalación e tamén que se eviten as aglomeracións na entrada principal”, explicou o Concello.