O novo delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, visitou na mañá deste xoves o concello de Ribeira, co obxectivo de realizar a primeira visita institucional á cidade dende que ostenta o cargo. Durante a súa estadía na localidade, na que estivo acompañado polo alcalde Manuel Ruíz, tivo ocasión de coñecer os avances que se están a despregar en sustentabilidade, humanización e mellora das infraestruturas. En concreto visitou as obras para reordenar o paseo das Carolinas na contorna do parque García Bayón, uns traballos que contan cun investimento de máis de 441.000 euros por parte de Portos de Galicia (unha iniciativa na que o Concello asumiu a elaboración do proxecto de obra, a súa licitación e a súa dirección).
Gonzalo Trenor comprobou un dos principais obxectivos da obra: permitir rematar a renovación integral da fachada marítima da cidade de Santa Uxía tras rematar a mellora do Malecón que se iniciou o ano pasado. As obras, que se están executando neste momento, permitirán crear accesos peonís para levar a a cabo a unión mediante carril bici da infraestrutura existente no Touro coa do Coroso, o paseo das Carolinas e o parque García Bayón.
O obxectivo fundamental, segundo lembrou o alcalde, é “reordenar o paseo das Carolinas e o parque García Bayón, dando preferencia ao peón fronte ao tráfico rodado e conferíndolle aos viarios o carácter urbano que lle corresponde”. Inclúese ademais a execución dun carril bici ao longo de toda a fachada marítima do casco urbano.
Trenor engadiu que “esta actuación permite dar resposta a unha demanda histórica desta localidade pola súa repercusión para o conxunto da cidadanía, que axuda á integración entre o porto e a vila e mellora a explotación portuaria”.
A actuación inclúe a habilitación dun único carril de circulación en dirección saída e a ampliación da xardineira central, dotando así á zona de máis espazos verdes. No que atinxe á parte pegada ás vivendas, a área será reordenada dispoñendo aparcamentos en batería e aumentando o espazo de uso destinado aos viandantes.
Ademais, pola banda pegada ao porto crearase un carril bici que una o existente no Touro-Malecón co do paseo de Coroso, de tal xeito que toda a banda litoral da cidade sexa transitábel en bicicleta coa fin de facilitar así este medio de transporte.
O proxecto inclúe a implantación de liñas novas de pluviais. Instalarase 180 metros de tubaxe de PVC de 315 milímetros de diámetro, así como 15 acometidas, 45 arquetas e 5 pozos de rexistro.