Xabier Castro, o alcalde do Concello de Dodro, asinou esta mañá -acompañado polo tenente de alcalde Xoán Xosé Vicente- o convenio de colaboración coa Fundación Rosalía de Castro, que o converte noutro dos concellos Mecenas da Casa de Rosalía dentro do proceso de subscrición popular para implicar a empresas, entidades públicas e persoas individuais na mellora e no sostemento da causa común da Casa da Matanza, “que é
a causa común de Galicia”, en palabras do seu presidente Anxo Angueira.
Dito convenio de colaboración foi aprobado no último pleno da corporación de xeito unánime por todos os integrantes da corporación municipal.
Tamén, por primeira vez, un alcalde de Dodro firma no “Libro de Honra” da Fundación Rosalía de Castro.

Porque Dodro é parte fundamental da vida e obra de Rosalía de Castro, tiña que colaborar e promocionar as actividades e exposicións programadas pola Fundación Rosalía de Castro valorando a importante actividade cultural que vén desenvolvendo e polo mesmo establece unha contribución económica para o cofinanciamento das actividades desenvolvidas pola
citada institución para este exercicio económico.
En virtude deste convenio anual polo que o Concello de Dodro achega 1.000 euros, tanto os escolares do municipio como as asociacións culturais poderán ter visitas guiadas de balde á Casa de Rosalía. Sen embargo, mentres duren as restriccións provocadas pola Covid 19 -que supoñen a prohibición de visitas guiadas- os veciños e veciñas de Dodro poderán visitar a Casa-Museo de balde só acreditando a súa procedencia.

A Casa de Rosalía está sostida pola Fundación Rosalía de Castro, unha
fundación privada sen ánimo de lucro que foi creada en 1947 por persoas
vencelladas ao galeguismo nos tempos difíciles da ditadura. A apertura da
Casa-Museo en 1972 só foi posible grazas á colaboración económica de
familias e empresas e institucións de todo o país e do mundo da emigración.
Daquela participaron centos de persoas anónimas de Galicia a partir da
proposta de José Manuel Rey de Viana, organizáronse colectas en moitas
vilas e en case todos os centros galegos na emigración, uníronse máis de 60
concellos, varios bancos, a Federación de Caixas de Aforros, o Celta de
Vigo, a Federación Galega de Ciclismo e innumerables asociacións de todo o
país. Ao final, colleitouse un total de 994.043 pesetas en 1971.
Case 50 anos despois esta institución –que non recibe financiamento público regular que asegure o seu mantemento anual nin o seu futuro– quere reafirmarse na súa independencia económica e cultural e no apoio das xentes comprometidas co país e coa súa cultura.
