
Dise, coméntase que a política é un claro reflexo da
sociedade. Nos últimos tempos, en España, hai unha evidente e constatable crispación política, moito máis acentuada coa chegada da emerxencia sanitaria, como consecuencia do Covid 19, onde se están morrendo centenares de miles de persoas en todo o planeta.
Nestes momentos, nos que a unión e a concertación política tería que ser unha necesidade, está a xogarse coa vida de miles de persoas como consecuencia do “partidismo” e do “sectarismo” máis radical e inhumano. A nosa clase política entretense en discusións bizantinas e en asuntos teolóxicos ou programáticos. Preséntase unha “moción de censura” para o entretemento das súas señorías diputad@ s, recórrese con demasiada frecuencia ao pasado franquista, á figura do Rei, ao goberno “social
comunista”, aos casos de corrupción, aos constantes insultos e faltas de respecto e a mala educación nas Cortes Xerais, en vez que buscar e atopar a unión e a decisión de loitar contra o “inimigo común”: o Covid 19.
Os nosos políticos e gobernantes, tanto locais, provinciais, autonómicos e estatais, terían que estar centrados en adoptar medidas sanitarias, sociais e económicas para loitar contra as consecuencias do Covid 19 no canto de utilizar esta Pandemia como arma arreboladiza fronte ao contrario ideolóxico. Non son os momentos máis oportunos para as liortas partidistas a non ser que a actual clase política estea moito máis interesada nas súas propios intereses partidistas e electorais que en defender os intereses xerais de toda a poboación española.