As XXII Xornadas de Homenaxe a Valle-Inclán chegan esta finde á súa recta final na Pobra

29 Outubro 2020

Esta última fin de semana de outubro transcorrerán na Pobra os actos finais da vixésimo segunda edición das Xornadas de Homenaxe a Valle-Inclán. Así, neste venres 30 haberá unha ofrenda cívica onda o monumento de Valle-Inclán situado no Cantón da Leña, ás 13.00 horas, amenizada polo grupo de música tradicional Os Caraveiros, que se encargará tamén de realizar unha ruada por distintos espazos do municipio dende as 12.00 horas.

Ademais, o Elma acollerá ás 20.00 a presentación da publicación As Letras Galegas en Caricatura (1963-2020), de Héitor Picallo, unha actividade adscribida tamén á programación do Día das Letras Galegas, que neste ano resultou preciso adiar en todo o territorio galego por mor do coronavirus.

O no sábado 31, a partir das 20.00 horas, a asociación cultural Eiradela interpretará na contorna da Torre de Bermúdez a peza Delicias literarias. Cadros escénicos e musicais, escolma de textos de Un cabecilla, Divinas palabras e Luces de bohemia. Contará coa intervención especial de Mariló Ríos (solista), Luís Prego (ao acordeón) e Cristóbal Pascual (á zanfona). No caso de chuvia será preciso traslada-la cita ao Elma.

Cómpre lembrar que se seguirán as medidas implantadas por mor da COVID-19, polo cal as persoas interesadas en asistir deberán formaliza-la súa reserva a través do teléfono de contacto 981843280, marcando a extensión 2014, en horario de 09.00 a 14.00 horas.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión