ADEGA, o GALP de Muros-Noia e as confrarías avanzan na súa loita contra o lixo mariño

08 Outubro 2020

A entidade ecoloxista ADEGA e o GALP Seo de Fisterra Rías de Muros-Noia declararon a guerra ao lixo mariño, esa corrente continua de refugallos plásticos e doutros materiais que contamina e prexudica gravemente un ámbito natural (o noso mar) do que todos dependemos directamente, non só para alimentarnos senón tamén para vivir. Desta loita contra os plásticos que inzan o noso litoral xorde Rías Sostibles, un proxecto no que se embarcaron as ditas entidades no mes de agosto e que segue en activo este outono, co apoio técnico da cooperativa Cidadanía.

A finalidade do proxecto é “concienciar e sensibilizar ao sector marisqueiro e pesqueiro da problemática do lixo mariño”, así como “introducir boas prácticas na actividade profesional e reducir os residuos que chegan ao seu lugar de traballo”.

Nesta iniciativa tamén participan as confrarías de O Pindo, Lira, Muros, Noia e Porto do Son. O proxecto conta cunha axuda do Fondo Europeo e Marítimo de Pesca (FEMP) para a protección, recuperación da biodiversidade e dos ecosistemas mariños no marco de actividades pesqueiras sustentables. Entre os obxectivos deste proxecto está o de implantar novos hábitos no sector e boas prácticas como a chamada pesca pasiva nesta orde de axudas que consiste en recoller o lixo que xa está no mar ao mesmo tempo que o sector realiza o seu traballo.

Máis lixo de terra que da actividade pesqueira

No proxecto hai unha serie de fases. A primeira actividade foi un Lixoblitz, que consistiu en facer unha recollida rápida de lixo e logo unha mostraxe para identificar microplásticos. Durante 5 días cada confraría recolleu lixo mariño ao tempo que realizaba as súas labouras. Ao finalizar, fixeron unha caracterización, separando os residuos por tipoloxías, á vez que se promoveu a reflexión sobre procedencia e os usos de moitos destes refugallos. Os impulsores do proxecto constataron ao remate do traballo que a procedencia da maioría dos residuos atopados é terrestre máis que das actividades pesqueiras – marisqueiras, aínda que se atopou algunha rede, tanto da recollida de berberechos como de nasas. Recolléronse tamén luvas de látex e chama a atención a cantidade de solas de calzado que apareceron, latas, paus dos ouvidos, téxtiles, vidro e, como curiosidade, unha cinta VHS.

Aproveitouse esta actividade para falar de alternativas ao uso de plástico e explicouse a separación selectiva do lixo do Complexo Medioambiental Serra do Barbanza.

Alén das actividades xa citadas, dentro do programa de formación do proxecto, está previsto realizar unha proxección dun documental sobre a contaminación mariña con debate posterior e a gravación dun vídeo para divulgar este proxecto. Tamén se está a elaborar un código de boas prácticas para o sector co gallo de evitar o lixo mariño.

ADEGA agradece ao GALP Seo Fisterra, ría de Muros Noia o seu bo facer e interese por mellorar as condicións medioambientais da costa e ás integrantes das confrarías participantes por atendernos voluntariamente e, en moitas ocasións, recén saídas do mar, o que ten moito mérito.

Outros artigos

Volve co Samaín o Claustro do Terror no Concello de Noia

Tras o éxito do ano pasado, regresa o II Claustro do Terror, que volverá converterse nun dos grandes protagonistas do Samaín de Noia. Novamente as persoas participantes terán que resolver un crime no Consistorio, e a resolución virá acompañada dun ambiente axeitado...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Escoitar o vento”. Xosé Antonio López Silva

“Escoitar o vento”. Xosé Antonio López Silva

Cando a secretaria da Academia Sueca a chamou para comunicarlle a concesión do Nobel de Literatura, Anne Carson estaba en Islandia, segundo dixo, escoitando o vento. Aos setenta e seis anos, unha muller que viviu de ensinar grego antigo, traduciu a Safo e deulle nova...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.