O festival de contidos dixitais e webseries Carballo Interplay vaise celebrar este ano cun formato híbrido baixo o que se combinarán proxeccións, presentacións, estreas e, tamén, concertos. Como por exemplo a actuación do “grupo revelación da escena musical galega”, a banda Verto, que estará no CIP achegando á audiencia música en directo (baixo estritas medidas de control e distanciamento) e por streaming. O festival celebrará do 18 ao 21 de novembro unha oitava edición anti-COVID na que tamén haberá un menú degustación de podcast do país, seleccionados por Isaac González e un percorrido polas etapas e xeracións do Youtube galego, da man de Miguel Silva Conde (aquel-e). Tamén poderemos ver a nova proposta do rianxeiro Román Castaño Frieiro, creador dun dos grandes éxitos do audiovisual galego online: As Cousas do Choio.
Amais, o CIP acollerá a estrea de dúas novas webseries galegas producidas co apoio do Interplay (Amnesia 3.0 e Xan) e un xurado composto por Alfonso Zarauza, Lorena Iglesias, Antón Varela e María Yáñez elixirá un novo proxecto de webserie en galego que verá a luz en 2021. Unha vez máis, o obxectivo da organización (Interplay Producións e o Concello) é seguir impulsando o talento audiovisual nos novos formatos e canles a través do que xa é, lembran, “o festival de contidos dixitais máis importante do ámbito estatal”.
Concerto e entrevista con Verto
O grupo Verto está formado por dous estudantes de medicina -Alberto Mira e Fernando Peleteiro- que en menos dun ano conseguiron converter o seu proxecto musical divertido e desenfadado nun referente para a mocidade do país. A organización do CIP lembra que “aínda que o seu público se concentra na Rede, o punto de inflexión da súa exitosa carreira foi a estrea do hit Oie Gayego no Luar da Televisión de Galicia”.
Ademais do concerto e da entrevista con estes creadores, o festival tamén ofrecerá, en directo e en liña, un menú degustación dos mellores podcast galegos, seleccionados por Isaac González, e un percorrido polas etapas e xeracións do Youtube galego, da man de Miguel Silva Conde (aquel-e).
Estrea de Amnesia 3.0 e Xan
Amais de todo o devandito, a nova edición do CIP acollerá a estrea das contribucións gañadoras da pasada edición do certame. Amnesia 3.0 é unha serie futurista escrita e dirixida por Irene Pin, producida por Natalia Porca e Cristela Torres e protagonizada por Daniel Celester, Sara Ferro, Vanessa Dorrei, Monti Castiñeiras e Duarte Galbán, coa participación especial de Isabel Naveira e Sabela Arán. Definida polas súas creadoras como “unha macroprodución con micropresuposto”, Amnesia 3.0 demostra que se pode facer ciencia ficción sen grandes efectos especiais, con historias universais contadas desde aquí. O argumento xira arredor dun software que é implantado no cerebro humano e que borra a memoria a curto prazo cada noite, así as persoas poden desenvolver as súas funcións dentro do sistema na engrenaxe perfecta, sen pensar nin preguntarse. Porén, hai quen sobrevive na marxe.
Pola súa banda, Xan é a historia dun peculiar millenial que non emite ningunha palabra. Trátase, en palabras do CIP; “dunha webserie cómica cun certo ton surrealista co-dirixida por Lucía Estévez e Miguel Canalejo, quen tamén a protagoniza”. Xan non fala, pero é quen de analizar todo o que acontece ao seu redor. Fai unha vida bastante normal, ten colegas cos que pasa as tardiñas, come xeados e le banda deseñada, pero sempre hai algo que fai perigar o equilibrio natural da súa existencia. Calquera cousa pode acontecer no seu mundo. Calquera cousa, menos a súa propia voz.
Premio 2020
O Premio a proxectos de webseries en versión orixinal galega chega á súa quinta edición. A achega gañadora será elixida por un xurado composto por Alfonso Zarauza, Lorena Iglesias, Antón Varela e María Yáñez elixirá a webserie gañadora. Entre as finalistas hai unha proposta de animación (Cacola), unha miniserie documental (The Foundry) e dúas ficcións: Óleo e Cebo&Allo. Respecto a esta última vén da man do autor rianxeiro Román Castaño Frieiro, creador das series en liña Gafas e Pallaso e As Cousas do Choio, que conta a historia de dous irmáns galegos, Cebolo e Allo, moi diferentes entre eles pero cunha característica en común: a súa paixón pola gastronomía. Cebolo é un youtubeiro namorado das inxestas masivas e Allo goza coas experiencias culinarias selectas. Do choque entre eses dous mundos xorde este proxecto de ficción cómica.