
Proseguen en Rianxo, achegando importantes recursos para a educación nos nosos fogares, as actividades da Escola de Familias. Este 28 de outubro temos unha nova cita formativa entre as 17.30 e as 19.30 horas. Trátase da charla Recursos para educar en galego, que se celebra pola tarde no Auditorio Municipal. Será impartida por Fabaloba, que achegará ás persoas asistentes contos, música, xogos e moitos outras cousas das que botar man para dar á lingua a máxima vitalidade tanto dentro como fóra do fogar.
A charla está dirixida a familias con crianzas, profesorado, monitores/as de tempo libre e demais público interesado. As prazas son limitadas e recoméndase formalizar a inscrición na conta de correo normalizacion@concelloderianxo.gal, indicando o nome completo e o teléfono de contacto. A actividade vén da man da iniciativa Apego e do Servizo de Normalización Lingüística de Rianxo.