A Deputación aproba a ampliación da ponte sobre o rego Pesqueira, en Lousame

O pleno da Deputación da Coruña aprobou este venres 30 os proxectos de remate das obras de ampliación e mellora da estrada DP 5815 de Mera a Veigue, en Oleiros, e da nova ponte sobre o rego Pesqueira na DP 4202 de Aldea Grande ao Couto, en Lousame. A entidade provincial lembra que ambas quedaron paralizadas a principios deste ano debido á quebra da empresa construtora que tiña adxudicadas as dúas obras, polo que o departamento provincial de Vías e Obras procedeu á resolución do contrato e redactou os proxectos técnicos para continuar e rematar os traballos, que agora veñen de ser referendados polo pleno como paso previo a unha nova licitación.

No caso de Lousame, o pleno aprobou o proxecto para rematar as obras de construción dunha nova ponte no punto quilométrico 1+800 da DP 4202, que mellorará a conexión entre Aldea Grande e O Couto (Lousame). O investimento ascende a 181.811,87 euros.

“Os traballos permitirán ampliar a plataforma da ponte sobre o rego Pesqueira de 5 a 12 metros e ofrecer un itinerario peonil seguro para os veciños”, informou a Deputación, que lembra que as “reducidas dimensións da ponte que atravesaba o rego obrigaban aos viandantes a circular polas beiravías sen pavimentar ou polo borde da calzada, o cal pon en risco a súa seguridade”. Para remedialo, a nova construción “contará con beirarrúas de 2,25 metros de ancho en cada marxe, recubertas con baldosa hidráulica, permitindo así cruzar a pé sen risco”, explicou a Deputación, que recorda que a nova plataforma vai permitir a execución de dous carrís de 3,5 metros para a circulación de vehículos. As obras financiadas pola Deputación incluirán o acondicionamento da estrada DP-4202, para ampliar gradualmente o ancho da calzada ata alcanzar os 12 metros nas inmediacións da nova ponte. Esta será unha unha estrutura dun único van, respectando a tipoloxía do viaduto actual.