A Comisión de Seguimento da COVID de Ribeira artella o dispositivo para o 1 de novembro

26 Outubro 2020

Este luns, ante o recruar da situación sanitaria, retomou a súa actividade a Comisión Municipal de Seguimento da Evolución da COVID-19. Na xuntanza adoptáronse novas medidas para aplacar os efectos da intensificación da crise, poñéndose o foco en artellar o dispositivo anti-COVID da festividade do 1 de novembro nos cemiterios locais. A este último respecto, dispúxose que durante os días 31 de outubro e 1 e 2 de novembro o horario de apertura dos dous camposantos de competencia municipal (Santa Uxía e Palmeira) será de 8.00 a 22.30 horas, en cumprimento coa limitacións establecidas onte coa declaración do Estado de Alarma e sempre a expensas do que decida a Xunta de Galicia sobre a posibilidade de aumentar ou reducir unha hora no toque de queda.

Ademais, acordouse a colocación de cartelería en lugares estratéxicos para informar de todas as medidas que se deben observar durante a visita aos camposantos, especialmente as dispostas pola Xunta no protocolo de prevención aprobado o pasado 23 de outubro: máximo de catro persoas por grupo de visitas dun mesmo grupo familiar ou de individuos que viven xuntos, estadías máximas de 30 minutos, así como a obriga de manter a distancia de seguridade a 1,5 metros, de desinfectar as mans antes de tocar billas ou garrafas e de evitar pararse nos accesos dos recintos.

O Concello tamén fixo saber que para velar pola observancia da normativa nos cemiterios (tanto nos municipais coma nos que dependen das parroquias) haberá un dispositivo especial de vixilancia por parte da Policía Local que se iniciará na tarde do venres e se prolongará ata o luns inclusive. Outra das decisións tomadas na Comisión foi a ampliación do plan local de desinfeccións a marquesiñas e á contorna dos centros de saúde do municipio.

No plano máis administrativo, aprobouse o nomeamento de coordinadores COVID na Casa do Concello, no Departamento de Servizos Sociais e na UAD e máis o fomento do teletraballo e das reunións de carácter telemático, principiando polas xuntas locais de goberno.

Por último, estableceuse que a Comisión de Seguimento se reunirá todos os luns ata nova orde.

Outros artigos

Vehículo envorcado na avenida de Ferrol, en Ribeira

O parque provincial de Boiro recibiu aviso na madrugada deste venres 7 de febreiro dun accidente por envorco na avenida de Ferrol, no concello de Ribeira. Ao chegar ao lugar, o vehículo xa fora retirado pero a consecuencia do sucedido unha mancha de líquido esvaradío...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“O forno de leña”. Luís Celeiro

“O forno de leña”. Luís Celeiro

Os daquela xeración que naceron antes dos anos sesenta do século pasado (moi lonxe e moicerca, ao mesmo tempo) lembran como se facía o pan de cada día nos fornos de leña. Decada día ou de cada mes. Lembran o pan prestado polo veciño e saben que se devolvía aococer,...