Este venres 9 de outubro, a ANPA do CEIP de Palmeira organiza un espectáculo de circo, acrobacia e danza protagonizado pola artista muldisciplinar Sue Moreno. A actividade celebrarase no campo da Sociedade Fillos de Palmeira, e, en caso de mal tempo, será trasladada ao Pavillón Polideportivo Torres Colomer. O espectáculo Sue Moreno 4.0, dirixido por Pablo Sánchez, dará comezo ás 16.30 horas.
Terá unha duración de 45 minutos e ofrecerá, ao longo destes tres cuartos de hora, unha mestura de técnicas aéreas de circo con cancións e teatro físico, dende unha estrutura de seis metros de altura e “tomando o humor como partitura”.
Grazas á colaboración do Concello de Ribeira, disporase dun equipo de seguridade experto nos protocolos anti-COVID para converter o evento nun evento seguro para todos e todas.
Segundo informa a organización, o portalón do recinto abrirase ás 16.00 horas, onde se fará un control de acceso rexistrando a todos os asistentes, que deberán portar máscaras, hixienizar as mans e sentar en cadeiras coa distancia de seguridade pertinente.
Respecto ao fío argumental de Sue Moreno 4.0, a artista-protagonista cóntanos a historia dunha muller no seu día a día, tentando conciliar o seu traballo, vida e maternidade e “amosando as mil caras desta etapa desde unha ollada divertida, tenra e, por momentos, absurda”.
Esta actuación está financiada pola Secretaria Xeral da Igualdade coas axudas dirixidas ás asociación de nais e pais do alumnado de centros educativos de Galicia coa finalidade de potenciar e promoción da igualdade e a prevención da violencia de xénero. Operación co financiada con Fondos finalistas do Pacto de Estado contra a violencia de xénero.