Dodro celebra o 25 aniversario do Valo de Manselle este venres

21 Setembro 2020

A construción do Valo de Manselle, fai 25 anos, un valo de cachotes en chafrán de contención duns 90 metros de longo e una altura mínima de catro, foi acordada polos veciños de toda a aldea para facer practicable un campo de xogos inmemorial ubicado en terreos comunais que a concentración parcelaria convertera en vertedoiro de lixo.
Cando se compren 25 anos da construción do valo e, tamén, da edición do libro de Anxo Angueira “O Valo de Manselle” o Concello de Dodro participa e promove os actos de aniversario coas seguintes actividades os próximos días 25 e 26 de setembro:

  • Venres 25 de setembro ás 20h:
    -Inauguración da exposición fotográfica “25 anos do Valo de Manselle”
    -Presentación da reedición do libro de Anxo Angueira “O Valo de Manselle”
    Con Anxo Angueira, Chus Pato, Dores Tembrás, Concelleiro de Cultura e Patrimonio,
    Xoán Xosé Vicente e Alcalde de Dodro, Xabier Castro
    Actuación musical de Secho.
  • Sábado 26 de setembro no Montiño de Manselle
    -Ás 16:30 Liga Dodro Bolos
    -Ás 21h FESTIVALO con Secho e Monoulius Dop
    As actividades do venres, se chove trasladaranse ó local social do Montiño en Imo.
  • Texto de Anxo Angueira sobre a exposición fotográfica.
    Aqueles primeiros anos noventa foron, tanto no social coma no económico, moi activos e dinámicos en Manselle, unha aldea que como poucas celebraba e vivía o comunal.
    Eramos e aínda somos a “aldea rusa”. Hai memoria oral, haina política e mesmo arquitectónica. Aínda así, o Valo de Manselle (con maiúsculas, como merece) foi verdadeiramente a realización dun soño.
    No Montiño, despois de llo insistirmos ó Concello, fixérase xa unha explanadacoa que se puido recuperar un amplo espazo público vinculado historicamente ó lecer, incluído o vello campo de xogos e o de bólos. Por outro lado, a Comunidade de Montes tiña un millón de pesetas para repartir entre os veciños de Manselle e convocouse asemblea. Lembro aquela tarde no Souto. Durante as intervencións impúxose moi
    maioritaria a proposta de utilizar aqueles cartos para defender a explanada comunal e ampliar a súa superficie coa construción dun muro de construción, dun valo. A cantidade só daba para a escavación e as pedras do alicerce. Daquela, quen construiría o valo?
    -O valo farémolo nós! Aquilo era realmente extraordinario. Era unha toma de posición, no político e no cultural, realmente insólita. Non se lle pedía nada ás institucións. Mellor aínda, instaurábase (ou reeditábase ou recuperábase) a máis poderosa institución coñecida: a da unidade veciñal. Había un proxecto común para o que era necesario pór o lombo, o lombo de cada un, para formar o lombo colectivo co que podelo levar adiante. Non estaban lonxe as restebas ou as mallas, pero aquilo era realmente outra cousa. O ben a obter co noso traballo non era o pan honesto, era outro tipo de ben que aínda hoxe, só de pensalo, fai tremer os xeonllos do noso corazón.
    Cando se pensou nunha exposición fotográfica para conmemorar os 25 anos da construción do Valo, atopei, creo que de milagre, os negativos destas fotografías en branco e negro e algunhas en cor que fixera miña tía María, que se completan coas feitas por Rita Bugallo e Eduardo Rivo, verdadeiro artífice de todo este proxecto expositivo, que inclúe a construción do Valo, a celebración do seu remate e a posterior celebración do Festivalo.
    Non lle fan xustiza estas imaxes ó traballo realizado e ós seus protagonistas, algún dos cales, e isto é algo moi inxusto, non está sequera nelas. Probablemente collín a cámara en dúas ou tres ocasións que puiden, porque me parecía que aquilo era un suceso extraordinario que cumpría rexistrar. Se fose hoxe, habería mil fotos e vídeos de todo o proceso. Pero son polo menos pequenos documentos que testemuñan algúns aspectos daquel esforzo colectivo, como a presenza de distintas xeracións e tamén de mulleres. Serven tamén para que fagamos mentes das persoas que infelizmente xa non están aquí e que tanto imos botar en falta nesta celebración. En calquera caso tamén nos lembran o paso do tempo sobre todos nós.
  • Tampouco esta exposición quere ser memoria documental. A memoria está no peito de tódolos que participamos e vivimos a construción do Valo. Podería evocar os nomes e mesmo ponderar as contribucións de cada un á obra. Pero é unha obra de todos. E o certo é que, dun xeito ou doutro, a todos nos marcou para sempre. A vida garda nos relanzos do camiño as súas desgrazas e crueldades, pero tamén concede a posibilidade dalgunha regalía. Particularmente, se se me permite, eu diría que o Valo foi algo marabilloso que nos pasou na vida ós de Manselle: unha regalía conquistada e compartida, co máis alto orgullo, entre todos.
  • Naturalmente haberá quen se pregunte diante destas imaxes: hoxe sería posible? Manselle, coma tódalas aldeas, non ten o mesmo pulo vital e demográfico.
  • Aínda así, moito coidadiño, na “aldea rusa”, e sen dúbida noutros lugares, resiste algo que nunca morrerá: a lección de que o ben comunal e o esforzo colectivo a todos nos fai mellores e máis libres.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Armarse para la paz por miedo al invasor Putin”. Manuel Velo

“Armarse para la paz por miedo al invasor Putin”. Manuel Velo

Después de cientos de años no aprendemos nada y seguimos la misma dinámica de guerras, en vez de llegar a acuerdos para construir en vez de destruir. Parece una contradicción que haya que armarse para la paz por miedo al invasor como Putin. Cuanto más poder tienen más...