A modificación da actual ordenanza de terrazas en Boiro será debatida en pleno

O Concello de Boiro vén de propor para o seu debate no pleno de setembro, que se vai celebrar o vindeiro xoves, unha modificación na ordenanza para a instalación de terrazas no temo municipal. O obxectivo desta modificación é “dar resposta aos intereses da cidadanía e actividades hostaleiras, así como clarificar os procesos de solicitude, autorización e pago das taxas correspondentes”.

O Concello fai saber que nos cambios previstos sobre a ordenanza tivéronse en conta propostas dos propios hostaleiros (que chegaron a través da Asociación Boirense de Empresarios); normas de accesibilidade que non se tiñan en conta no regulamento vixente e medidas excepcionais como os xurdidas a raíz da pandemia COVID-19.

Entre as modificacións que se engaden inclúense cambios nos prazos de presentación de solicitudes. Segundo as actuais disposicións, todos os hostaleiros teñen que facer a solicitude de instalación no mesmo período, entre o 1 de novembro e o 15 de decembro, mentres que na actual actualización recóllense distintos prazos para os distintos períodos de instalación: todo o ano, período estival ou Semana Santa.

Os cambios tamén inclúen modificacións relativas ao horario de peche. Como norma xeral pecharán ás 00.00 horas, pero recóllense máis os días nos que o horario de peche de terrazas se pode ampliar ata as 02.00 horas, os venres, sábados, domingos, vésperas de festivo e durante o período estival.

A proposta inclúe cambios relativos a infraccións, limitacións, condicións xerais ou período de vixencia relativas a instalación de terrazas. O Concello de Boiro propón para a súa discusión no pleno da corporación do vindeiro xoves, a aprobación inicial da modificación da Ordenanza para a instalación de terrazas no concello de Boiro publicada no BOP de 5 de abril de 2010.