
Fieles á súa cita anual, xa están aquí, practicamente á vista, os arrastreiros peláxicos que cada verán sementan o caos nestas augas que bañan as costas do Cantábrico-Noroeste. Ata o de agora só foron vistos sete buques irlandeses aos que, ben seguro, van sumarse outros da mesma bandeira e máis franceses. A denuncia parte, nesta ocasión, do grupo ecoloxista basco EGUZKI, que se laian un ano máis desta indesexable presenza.
Ben probado está o dano que causan estas redes que pescan como as famosa “cortinas da morte”, prohibidas pola Unión Europea nas súas augas. Os males que ocasionan os peláxicos puideron velos os cidadáns bascos o pasado domingo pola tarde: un gran exemplar de peixe espada absolutamente ensanguentado achegouse á costa. Tiña a aleta dorsal rota a consecuencia, con absoluta seguridade, de ter sido afectado por un deses aparellos que o “tragan” todo, como din os ecoloxistas bascos.
En augas responsabilidade de España non se pode pescar con aparellos peláxicos. A maior abondamento, son as propias leis bascas as que asimesmo prohiben este arte nas augas competencia de Euskadi. As redes peláxicas son quen de recoller ó seu paso todo canto aboia no mar. Como xa é sabido, o arrastre consiste en largar unha rede con forma de funil entre dous barcos en parella que se van movendo á mesma marcha. As redes chegan a ter en moitos casos unha “boca” do tamaño dun campo de fútbol. Por esta “boca” non só atrapan a especie obxectivo, senón calquera outra que poidan atopar no seu desprazamento, sexan comerciais ou protexidas como tartarugas, arroaces e mesmo baleas. Moitos exemplares capturados son guindados ao mar dende os barcos por careceren de interese comercial, pero xa están mortos.
Segundo os ecoloxistas de EGUZKI, os pescadores do Cantábrico empregan artes de pesca artesanais como a cacea -coa que capturan o bonito- de un en un, evitando deste xeito os descartes, algo que está a anos luz dos peláxicos.
Os arrastreiros peláxicos proceden, maioritariamente, de portos irlandeses e franceses nos que non existen prohibicións para o uso destes artes que os pesqueiros españois non poden empregar. É mas: franceses e irlandeses vense amparados pola legalidade comunitaria internacional, que lles autoriza a pescar con peláxicos nas mesmas aguas nas que lles prohibe a galegos, asturianos, cántabros e bascos usar esas devastadoras artes. Mesmo pescan en ocasións a menos de doce millas da costa cantábrica, en augas nas que unicamente poden pescar barcos de bandeira española, dándose o paradoxo de que mestras eles pescan, os barcos de España con seus tripulantes a bordo só poden observar o que fan. Eles incumpren unha normativa española que rexe en augas de España para as que a UE non respecta leis impostas por un Estado membro. Dito doutro xeito: franceses e irlandeses -tamén os holandeses- mandan a augas españolas os seus arrastreiros peláxicos sabedores de que aquí están prohibidas esas técnicas que, cada ano, provocan protestas e enfrontamentos que, polo de agora -e esperamos que non vaian a máis- están do lado dos barcos españois, como xa pasara cos denominadas “cortinas da morte” francesas e que derivaran no apresamento por barcos españois do pesqueiro francés “La Gabrielle”, conducido ao porto de Burela en xullo de 1994 por unha frota de 400 boniteiros que viñan denunciando a actividade dos volanteiros galos, protesta á que tamén se sumaran os ecoloxistas de Greenpeace. Posteriormente, a Unión Europea prohibira taxativamente o uso deses aparellos. Unha prohibición que continúa vixente. Pero só para as volantas ou cortinas da morte. Non así para as redes peláxicas, tan depredadoras ou máis que as outras.