
Este sábado 22 de agosto a mancomunidade Barbanza Arousa, en colaboración do Concello de Boiro, celebra en Cabo de Cruz unha nova edición do seu ciclo de concertos Paisaxes Sonoras, desta volta coa banda local Triángulo de Amor Bizarro. A actuación, que ten aforo limitado para cumprir coas medidas de seguridade pola COVID-19, esgotou todas as localidades que se puxeron á venta. Respecto das iniciativas de control anti-COVID que se van aplicar, foron ultimadas polo Concello na mañá deste martes nunha xunta de seguridade na que se traballou arreo nas necesidades específicas do concerto.
Deste xeito, en base ao aforamento limitado e ao feito de que se tivesen esgotado as entradas, acordouse non permitir o acceso ao recinto a ninguén que non adquirise praza con anterioridade.
O Concello sinalou tamén que as persoas encargadas da organización controlarán o acceso ao recinto cumprindo con todas as medidas de seguridade: con máscara de protección e uso de xel desinfectante. Esta medida será aplicábel tamén ao desenvolvemento da actuación. Do mesmo xeito, para garantir a seguridade fóra do recinto, a Policía Local vai intensificar a vixilancia para evitar as aglomeracións no seu perímetro.