Esta fin de semana veu ateigada de grandes competicións náuticas nos mares que bañan a nosa comarca. Amais da Regata Galatea (que se celebrou o sábado e o domingo, entre Portonovo e Cabo de Cruz, e na que se impuxeron Ay Carmela, Alma do Mar e Limay) desenvolveuse na beira norte da nosa comarca, na ría de Muros e Noia, a nova edición (a XXII) Copa Galicia de Cruceiros Trofeo Mar de Finisterre Pitusa Sabín, organizada polo Real Club Náutico de Portosín. Nesta singradura impúxose finalmente o veleiro Arroutado, que venceu na xeral absoluta e tamén na clase Regata. Polo que se refire á clase Cruceiro, o vencedor foi o Kanala, e na Open, o Dracco. Os barcos abrangueron un percorrido de catorce millas da ría de Muros e Noia.
Segundo informou a organización, a xornada comezou ás 12.05 horas cunha saída en fronte da praia de Coira (Portosín) para despois facer un percorrido que levaría ás embarcacións durante 14 millas ao longo e ancho da ría cun vento que comezou no 55 e que pouco despois marcou un xiro para situarse na compoñente 255 e quedar aí o resto da xornada.
Na Clase Regata, designada así por referirse ás embarcacións cunha maior velocidade, o vencedor foi Arroutado, patroneado por Jose Manuel Pérez. O segundo posto foi para o Siradella de Francisco Gude e César Álvarez e o terceiro para Alcaravan III de Pablo García Arenal.
Na clase Cruceiro – Regata, o vencedor foi o Kanala de Ignacio Hermo. O terceiro clasificado foi para o Orlando de Victoria Facal, en representación do Club Náutico Boiro, que empatou a puntos co Ziralla de Ramón Barreiro do Ro Yatchs Club.
En Clase Open impúxose Dracco de Pablo Oliver, seguindo de Tabernícola, de Pablo Villuendas, e de Montaraz de Jose Carlos Costas, todos eles do RCN Portosín.
Por último no acto de entrega oficiado por Jorge Arán, presidente da entidade sonense, desvelouse o gañador do Trofeo Mar de Finisterre como vencedor absoluto da súa clasificiación xeral a Arroutado de Jose Manuel Pérez.