
Este sábado 29 de agosto finaliza o programa de concertos e espectáculos Paisaxes Sonoras, impulsado pola mancomunidade de concellos de Barbanza-Arousa para reivindicar o diálogo que se establece entre os espazos de importancia natural e histórica da nosa comarca, por unha banda, e as expresións artísticas, pola outra. Logo das citas con Carlos Blanco no Pazo de Rianxiño, Triángulo de Amor Bizarro en Boiro e The Soul Brothers en punta Cabío (A Pobra), é a quenda (este sábado) de Guadi Galego na antiga fábrica de salgadura de Castiñeiras (Ribeira), cuxa contorna foi recentemente acondicionada como espazo de lecer e de importancia histórica, natural e paisaxística.
O concerto da cantante galega Guadi Galego, seguindo a dinámica dos anteriores, dará comezo as 20 h, aínda que a apertura de portas será as 19 h. As entradas, coma nos concertos previos, están esgotadas dende hai semanas xa, debido principalmente á necesidade de limitar o aforamento.
O ciclo Paisaxes Sonoras, organizado pola Mancomunidade Barbanza Arousa en colaboración cos Concellos de Boiro, Rianxo, A Pobra do Caramiñal e Ribeira, buscou, en palabras da entidade, “a posta en valor do patrimonio e a fusión do mesmo coa música e a palabra”. A mancomunidade explica que o concerto de Guadi Galego será un exemplo perfecto deste cometido, non só pola importancia natural e paisaxística do escenario elixido, nunha punta de terra emprazada entre a vila mariñeira de Castiñeiras e a fermosa praia do Castro-Catía, senón porque a dita solista é unha das compositoras máis salientábeis da actual música galega.
Ribeira: A antiga fábrica de salgadura de Castiñeiras
O concerto terá lugar na antiga fábrica de salazón, datada a principios do século XIX e enmarcada dentro da área de lecer de punta do Castro. Enclavada en zona de dominio público marítimo-terrestre, preside a praia do Castro e ofrece unhas vistas privilexiadas á entrada da ría e a illa de Sálvora.
A artista: Guadi Galego
Premio Martín Códax da Música á Mellor Artista na categoría de Canción de Autor, é unha das artistas máis relevantes da escena galega actual, froito dunha andaina musical que comezou sendo moi nova. Tras tres discos en solitario Benzón, Lúas de outubro e agosto e O mundo está parado, chega Immersión, unha relectura musical e lingüística das súas obras máis recentes da que adiantou unha versión de Cedeira na que colabora Iván Ferreiro. Actualmente está mergullada de cheo na xira de presentación do seu último traballo, aclamado de xeito unánime por crítica e público. Nesta ocasión, Guadi ofrecerá un concerto especial a dúo, adaptado a nova realidade e ao aforo vixente.