
A Área de Cultura do Concello de Rianxo, en colaboración coa Deputación da Coruña, vai organizar os días 5 e 6 de setembro, na Sala Arcos Moldes do Auditorio, o espectáculo Invisibles da compañía Redrum Teatro. A obra, recomendada para público adulto, está protagonizada polas actrices Mela Casal, Sheyla Fariña e Nieves Rodríguez, baixo a dirección de Marián Bañobre. Segundo explica o Concello, despois da representación realizarase un coloquio con Montse Fajardo, autora do libro no que se Marián Bañobre e Santiago Cortegoso fixeron a adaptación teatral.
A entrada é de balde con reserva propia. Cómpre facelo no correo auditorio@concelloderianxo.gal (preferentemente) ou no teléfono 664 183 217, indicando os datos persoais. A solicitude de reservas será do 26 de agosto ao 3 de setembro de 9.00 a 13.30 en días laborais.
Invisibles é un espectáculo de creación colectiva a partir da novela homónima de Monste Fajardo, que mostra a través de diversas historias unha cuestión común que é unha das grandes lacras do noso tempo: a violencia de xénero. O obxectivo claro da obra é sensibilizar ao público sobre a importancia de tomar partido ante este drama que afecta a millóns de mulleres en todo o mundo. En concreto, a compañía busca que o público desenvolva “unha conciencia crítica e cuestione a realidade que o envolve para poder así transformala”.