O Concello de Boiro realizou, nos últimos meses, un acondicionamento
xeral do Centro Social de Escarabote coa finalidade de converter o inmoble nun centro de referencia no sector do mar e do turismo. Á inauguración da
Biblioteca do Mar realizada hoxe asistiron o alcalde de Boiro, José Ramón
Romero, a concelleira de Cultura, María Outeiral, e a xerente dos GALP Ría de Arousa, Rosa Carballo.
A biblioteca do Centro Social de Escarabote, que se sitúa na segunda planta do inmoble, foi obxecto de melloras na catalogación dos libros e substitución de mobiliario co obxectivo de mellorar o servizo ás persoas
usuarias. Unha parte da biblioteca especializouse no mar, con documentación, libros e manuais para “centralizar nesta biblioteca toda a documentación da que se dispón e convertela nun centro de consulta de referencia” afirmou o alcalde.
Para a decoración do espazo contouse coa aportación de material náutico doado por José González, que participou de xeito voluntario neste proxecto confeccionando aparellos e nós. O edificio do Centro Social de Escarabote acolle tamén a mostra etnográfica Mar de Boiro, organizada pola Asociación Etnográfica de Terra e Mar (AETEMA), presidida por Xaquín
España, e o departamento de Turismo do Concello de Boiro. Á mostra, que
está xa aberta ao público, chegan viaxeiros das rutas en barco pola Ría de
Arousa que se realizan gracias á AGAN.
Na inauguración estiveron tamén presentes a concelleira de Turismo, Marisa Collazo, o concelleiro de xuventude, Marcos Fajardo, vicepresidente de AGAN, José Manuel Fernández, a xerente de Barbanza Arousa, Fátima
Cachafeiro, Xaquín España e José González.