En outubro vai recalar en Rianxo a nova edición, a cuarta, do campus senior da Universidade de Santiago (USC), a universidade para maiores de 50 anos. A iniciativa Camiños de Coñecemento e Experiencia, que vén da man da institución académica compostelá en colaboración, no caso rianxeiro, coa Área de Cultura do Concello, desenvólvese entre os días 5 e 14 de outubro, no Auditorio, e inclúe seminarios e obradoiros sobre teatro, criminoloxía ou educación parental. A axenda inaugúrase o día 5 co Seminario estilos educativos parentais, en horario de 16.30 a 18 horas, e conta coas contribucións das profesoras Diana Priegue Caamaño (Facultade de Ciencias da Educación da USC) e Cristina Varela Portela (Facultade de Ciencias da Educación).
As actividades seguen o día 6 de outubro cun Obradoiro práctico sobre estilos educativos parentais, coas mesmas educadoras que no seminario teórico da xornada prevista e co mesmo horario.
Ao día seguinte celébrase no mesmo horario o curso Introdución á criminoloxía. A criminoloxía e a política criminal. Imparte Ana Moure Soengas, da Facultade de CC. Políticas (USC).
O día 9 de outubro desenvólvese un Obradoiro práctico sobre análise dunha pegada dactilar, por Ana Moure Soengas, no mesmo horario cás xornadas previas.
O día 9 está previsto un seminario sobre teatro, A construción do personaxe, a cargo da profesora Beatriz Porrúa Refojo, do Programa Universitario de Maiores (IV Ciclo) da USC.
As actividades volven o día 14, cun obradoiro práctico sobre teatro impartido tamén por Beatriz Porrúa.
A inscrición nestas actividades da USC realizarase de xeito preferíbel no correo electrónico cultura@concelloderianxo.gal, indicando nome completo, DNI, data de nacemento e teléfono ou de xeito presencial no Centro Sociocultural-Auditorio de Rianxo.
Para obter o diploma é preciso acudir a todos os obradoiros e seminarios.