O candidato número 3 de Galicia en Común – Anova Mareas, Martiño Noriega, e o alcalde da Pobra do Caramiñal, Xosé Lois Piñeiro e Natalia Brión, mantiveron esta fin de semana unha xuntanza para analizar os problemas que está a ter o Concello con Portos de Galicia, a entidade dependente da Xunta, e que afectan a espazos públicos da fachada costeira da vila. Durante a estadía de Noriega na Pobra, houbo marxe tamén para organizar unha reunión cos representantes da Confraría de Pescadores local, que lles transmitiron a súa preocupación polas consecuencias que tivo (e ten) a COVID en materia de produción, produtividade e emprego. Os mariñeiros tamén compartiron con Noriega, Piñeiro e Brión as súas inquedanzas respecto do peirao comercial da Pobra, que “mudou as correntes e reduciu de xeito significativo o espazo de marisqueo”.
Durante a reunión, Xosé Lois Piñeiro informou a Noriega da solicitude feita por Concello e Confraría para que se modifique o peirao, de xeito que se recupere o fluxo de auga e os bancos marisqueiros se rexeneren de forma natural. Un proxecto que, segundo fixeron saber, “está a ter atrancos por parte de Portos, que impide que se coñezan os estudos realizados.”
O rexedor pobrense manifestou a súa confianza en que Noriega exercerá, tras as eleccións do 12 de xullo, como “a nosa voz no Parlamento galego e no futuro Goberno”.
Noriega valorou positivamente o esforzo feito polo Concello da Pobra en apoio á Confraría e a pretensión de axudar á entidade coa concesión dunha subvención nominativa que “lle permita a ela e aos seus integrantes superar a complicada situación na que se atopan”.
Durante a reunión, Noriega criticou as políticas populares, que “pretenden expulsar ás confrarías e aos modelos tradicionais de explotación, beneficiando a grandes compañías e privatizando deste xeito o noso mar e as nosas rías”.