A axencia irlandesa Erasmus + da U.E. Leargas aprobou hoxe oficialmente o proxecto ”Estudos e Investigacións sobre o Cambio Climático na UE ” enmarcado na acción KA201 para a innovación educativa cun orzamento de 336.122,00 euros para o período comprendido entre setembro de 2020 e Setembro do 2023, tres cursos escolares.
O proxecto forma parte do programa oficial da Capitalidade Cultural compartida da U.E. Galway & Rijeka 2020 e posteriores 2021 Timișoara (Romanía), Elefsina (Grecia) e Novi Sad (Serbia); 2022 – Kaunas (Lituania) e Esch (Luxemburgo) e 2023 – Veszprém (Hungría).
A Comisión Europea describe oficialmente o proxecto como ” unha proposta impresionante, creativa, única, perspicaz, ambiciosa e admirable; impactando directamente a 135 estudantes e 25 profesores a nivel local nas súas escolas e familias, axencias ambientais e comunidades locais ”.
A investigación nos tres países e climas estará coordinada na República de Irlanda polo Galway Community College pertencente ao Consello de Educación e Formación de Galway e Roscommon e a ONG ambiental Irish Wildlife Trust (IWT) e conta como socios co IES Felix Muriel, Concello de Rianxo e a Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) en Galicia, España, e o instituto Prva Sušačka Hrvatska Gimnazija e a ONG medioambiental Eko Kvarner en Rijeka, Croacia.
Os 135 estudantes participantes (15 por país e curso nos 3 anos do proxecto) e o panel de 25 profesores seleccionados estudarán 243 especies en perigo de extinción nos tres países seleccionadas polos tres grupos naturistas asociados e proporán unha innovadora acción correctora en cada unha delas para a súa conservación e recuperación. Xunto aos estudos semanais nas escolas, o proxecto consta de tres viaxes de investigación ao ano a Galway, Rianxo e Rijeka e será obxecto de rodaxe e seguemento polas canles de televisión pública TVG (Galicia), TG4 (Irlanda) e HRTV (Croacia) producindo un audiovisual igualmente innovador onde os estudantes formarán físicamente cos seus propios corpos os nomes das especies estudadas e gravadas con tomas aéreas feitas con drone.
Os resultados da investigación recolleranse individualmente nun ficheiro de cada unha das especies estudadas e publicaranse oficialmente ao final de cada curso nas revistas Paspallás (SGIN) en Galicia, Wildlife (IWT) en Irlanda e Prioroda (EK) en Croacia .