
Ao abeiro da última edición de Galicia Emprende, o Goberno autonómico vén de conceder axudas a dúas novas iniciativas empresariais da nosa comarca, que mobilizarán, en conxunto, 214.000 euros. As axudas teñen unha contía total de máis de 64.000 euros.
Os dous proxectos de emprendemento que van ser beneficiados por elas están en Boiro e máis en Ribeira. Trátase, no caso do primeiro dos concellos, da posta en marcha dun taller mecánico para automóbiles, un proxecto que vai mobilizar preto de 170.000 euros e que recibirá unha subvención, a través de Galicia Emprende, de case 51.000 euros.
A outra iniciativa impulsará e fortalecerá un proxecto de novos emprendedores de Ribeira que mobilizará un investimento de máis de 45.000 euros e que recibirá unha contía de 13.5000 euros.
Esta liña de axudas está deseñada para impulsar a posta en marcha de proxectos de nova creación e para a consolidación, durante os seus primeiros 42 meses de funcionamento, de iniciativas empresariais de emprendedores ou autónomos.