A nosa comarca é paisaxe, cultura, medio ambiente, patrimonio e identidade. Partindo desta base e co obxectivo de habilitar unha proposta que xuntase todos estes elementos nunha única fórmula, a mancomunidade Barbanza-Arousa argallou unha iniciativa chamada Paisaxes Sonoras que inclúe catro citas culturais-patrimoniais durante este mes de agosto, en diferentes enclaves dos nosos concellos que, por obra e graza doutros tantos artistas (da narración, da música, etc), converteranse en “protagonistas absolutos” de cada unha das experiencias programadas.
Paisaxes Sonoras nace coa intención específica de “poñer en valor a riqueza da contorna buscando a asociación de cultura, identidade e patrimonio como reforzo do noso acervo”.
Así, as catro localizacións onde terán lugar as diferentes manifestacións artísticas sáense do circuíto turístico máis recoñecido e, pola contra, “caracterízanse por estar vencelladas á poboación de xeito máis transversal” explica Barbanza-Arousa, engadindo que as actividades celebraranse a plena luz do día para contribuír ao fortalecemento do imaxinario co legado patrimonial.
O aforamento
Para cada sesión habilitarase un aforamento máximo de 50 persoas, constituído por dúas ducias de entradas duplas, reservadas para unidades familiares ou de convivencia, e 4 entradas individuais. A mancomunidade explica que a exclusividade do aforamento baséase tanto nas medidas de seguridade sanitaria contempladas nesta etapa postCOVID-19 como “no respecto á integridade das localizacións escollidas”. O obxectivo último é achegar “unha experiencia única que conxugue o desfrute do entorno e da proposta artística”.
As entradas estarán á venda a partires do luns 20 de xullo, a través de Eventbrite, a un prezo de 6 euros + gastos as dobres e 3 euros + gastos as individuais.
Rianxo: O hórreo do Pazo Rianxiño
Carlos Blanco abrirá programa cunha actuación baixo a sombra do Hórreo de Rianxo, unha senlleira construción tradicional que é a segunda en importancia do concello dentro das súas características, logo de Araño, tendo como particularidade a súa cuberta de granito a dúas augas. Cos seus case 25 metros de longo, precisou 10 anos para ser construído na súa totalidade. Segundo informa a mancomunidade, trátase dunha construción que “preside maxistralmente a Ruta do Mar de Arousa e Ulla”.
O artista: Carlos Blanco
Carlos Blanco, actor e director teatral arousán, leva máis de 30 anos sobre os escenarios abranguendo todas as disciplinas: desde a gran pantalla con participación en películas como Heroína de Gerardo Guerrero, Sé quién eres de Patricia Ferreira ou Volver de Pedro Almodóvar, ata o seu paso pola ficción en series como a histórica Mareas Vivas ou máis recentemente Fariña. Como autor, interactúa con outras disciplinas como a musica en iLalelo!, colaborando co músico Budiño, ou con Menú do Día e Menú da Noite colaborando co debuxante Luis Davila. “Desta volta”, informa Barbanza-Arousa, “teremos o pracer de desfrutar del na súa faceta de monologuista que o levou a percorrer todo o mundo co seu particular xeito de entender e ver a vida”.
A programación
As citas restantes serán o 8 de agosto en A Pobra, o 22 de agosto en Boiro e o 29 de agosto en Ribeira con artistas pendentes aínda por confirmar.
A cita de Rianxo
Carlos Blanco & O Pazo de Rianxiño
Apertura de portas: 19.00 h
Comezo do espectáculo: 20.00 h
Entradas a venda a partires do luns 20 de xullo en Eventbrite.