Mar, comercio, servizos públicos, emprego, ciencia, cultura, vivenda digna. Estes son algúns dos grandes elementos que vertebran a aposta do BNG para a comarca do Barbanza e para todo o territorio galego. Ana Pontón, candidata do Bloque Nacionalista Galego á Presidencia da Xunta, debulla estas e outras cuestións para a nosa web.
-Dende O Barbanza interésanos moito, e aos nosos lectores tamén, coñecer os plans xenéricos do seu partido para a comarca en relación ás vindeiras eleccións autonómicas, convocadas finalmente este verán. Cales son os estes plans a nivel comarcal? E a nivel provincial?
-O BNG é unha forza política que confía no potencial do país e queremos aproveitalo ao máximo para xerar riqueza e emprego. Sen pretender ser exhaustiva pero, por exemplo, no Barbanza o sector pesqueiro e marisqueiro é clave, e imos convertelo nunha cuestión estratéxica de goberno, apostar por completar o saneamentos das rías, recuperar bancos marisqueiros que están improdutivos ou a medio gas, xerar valor engadido aos nosos produtos do mar nas prazas e mercados, dentro e fora de Galiza, para que o consumidor final teña clara a orixe como sinónimo de calidade e aposte polo noso.
Outra cuestión importante é apoiar ao comercio local e de proximidade nas vilas e concellos da comarca porque é un sector con moita capacidade de xerar emprego e dinamismo social, queremos ter as rúas con vida e actividade e non coas persianas baixadas.
E tamén quero destacar a aposta do BNG por fortalecer os servizos públicos, desde a sanidade á atención primaria, o coidado dos maiores e todos os servizos que permitan as familias a conciliación da vida laboral e familiar.
En relación ao conxunto da provincia, como no resto do país, a COVID19 trouxo consigo, ademais dun problema de saúde pública cun alto custe en vidas, unha crise económica sen precedentes, con milleiros de galegos e galegas en ERTE, directamente no paro ou que ven o seu futuro con preocupación. A miña primeira decisión se teño a responsabilidade de liderar o Goberno tras o 12X é promover un gran acordo de país con todas as forzas políticas e todos os axentes sociais para a reactivación económica de Galiza, e para que este sexa un lugar no que vivir e traballar e con benestar social.
-Estamos a vivir tempos complexos dende moitos puntos de vista, non só sanitarios senón tamén económicos, sociais, culturais, etc. Esta situación ten que influír por forza nos programas dos partidos. Cal sería a proposta da súa formación política para contrarrestar, nos nosos concellos, os efectos da chamada COVID-19?
-É o momento da acción pública, de apoiar desde o Goberno da Xunta a todos os sectores produtivos do país. O obxectivo é a reconstrución económica e social, con prioridades como evitar a destrución de emprego, facilitar a recuperación da actividade económica e apostar por servizos públicos de calidade, dando protección aos colectivos máis desfavorecidos.
-Cales son, a nivel económico, os puntos portes dos nosos concellos para paliar os efectos da pandemia, o parón produtivo e o desemprego? Por que sectores habería que actuar de inmediato? O mar? As renovábeis? As novas tecnoloxías? O turismo? A cultura?
–A dispersión poboacional foi, neste caso, un elemento que axudou a conter a pandemia, o feito de que teñamos unha parte moi importante do noso territorio libre de aglomeracións, atascos ou grandes concentracións facilita as medidas de seguridade sanitarias. No inmediato hai que apostar polos sectores produtivos, no Barbanza o sector da pesca e do marisqueo, pero tamén fomentar un turismo sustentable e de calidade, máxime nun momento no que fuximos da masificación, e tamén polo tecido comercial e as pemes. No BNG temos claro que para ter futuro e non ser pasto da precariedade e baixos salarios hai que apostar pola I+D+i. A ciencia e a investigación salva vidas, por un lado como vimos coa COVID19, e por outro permite ter un tecido produtivo máis competitivo, capaz de xerar valor engadido e, por tanto, condicións laborais dignas. E, desde logo, o apoio ao sector cultural será transversal, porque ademais de poñer en valor aos nosos creadores e creadoras, e tamén un factor de dinamización da economía.
-O paro medrou en Barbanza e noutras moitas comarcas galegas. Que facer para poñerlle freo?
-A mellor receita e apoiar os sectores produtivos que son chave na comarca, algún dos cales mencionaba antes, aproveitar todo o potencial e riqueza para xerar postos de traballo. Por exemplo, se temos unhas rías saneadas, serán un foco de postos de traballo; se apoiamos ao tecido empresarial local, comarcal facilitando financiamento para a súa modernización e actualización, darán riqueza e emprego; se apostamos por un turismo sustentable, de calidade e desestacionalizado tamén repercutirá á hora de dar oportunidades e traballo. Esas son algunhas das liñas que impulsaría un Goberno liderado polo BNG.
-As organizacións tamén advirten dun incremento dos desafiuzamentos e da xente sen fogar. Cal sería a súa proposta para loitar contra esta lacra?
-Na crise de 2008 os partidos estatais optaron por rescatar a banca e deixar caer as persoas, iso non pode volver pasar e no BNG imos facer todo o que estea ao noso alcance para a crise da COVID19 non a paguen os de sempre. Imos apostar por promover a vivenda de protección pública, en distintas modalidades, para que ninguén se vexa na rúa e tamén para facilitar o acceso a un ben básico á maioría social do país, en particular nas cidades onde a carestía da vivenda impide a moitas persoas desenvolver os seus proxectos vitais.
-Que bota en falta vostede nas actuais estratexias políticas autonómicas e locais?
-O Goberno do PP no tivo estratexia de país, non tivo unha folla de ruta, nin proxectos para sacar adiante unha Galiza próspera e con oportunidades. O que precisa Galiza é un Goberno que faga valer os seus intereses, coas mans libres para tomar as decisións que sexan importantes sen ter que estar mirando cara Madrid para pedir permiso, e só o BNG ten esa liberdade e ten un proxecto de país. Por iso, desde a humildade, pido a veciñanza que quere un cambio real, que quere un abrir un tempo novo tras o 12X que se mobilice masivamente das urnas da man o BNG.